- Cun investimento superior aos 15 M€, esta planta terá capacidade para tratar 15.000 toneladas de FORSU e 7.000 de material estruturante, e dará servizo a 26 concellos, acollendo a secuencia completa do proceso de compostaxe da materia orgánica
Vilanova de Arousa, a 8 de agosto de 2023.- As obras da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa (Pontevedra), unha das 17 instalacións que conformarán a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, entran na súa última fase.
Esta rede, impulsada e deseñada pola Xunta de Galicia, está a ser executada por Sogama cun investimento de 40 millóns de euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do Covid-19.
A previsión é que a instalación, sita no polígono industrial de Baión, onde ocupa unha superficie de 20.000 m2, estea lista o próximo mes de outubro para comezar a operar e recibir a materia orgánica dos 26 concellos aos que dará servizo e que aglutinan unha poboación de 326.846 habitantes.
Así o confirmou esta mañá o presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen supervisou persoalmente a situación actual da instalación, acompañado polo alcalde da localidade, Gonzalo Durán.
Do mesmo xeito que a planta de biorresiduos de Cerceda (A Coruña), a vilanovesa dispón de capacidade para tratar cada ano 15.000 toneladas de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), estimando unha produción anual de 6.000 toneladas anuais de compost de alta calidade que será utilizado no sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Cun investimento de 15,1 millóns de euros, a planta de Vilanova integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.
Ademais, unha parte da mesma será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
31 de decembro: plazo límite para os concellos
Javier Domínguez mostrouse especialmente satisfeito coa obra e agradeceu o traballo do equipo técnico desta empresa pública, así como o das firmas que conforman a UTE Vilanova, facendo especial fincapé no apoio da Xunta e do Concello de Vilanova de Areosa. “Agora só queda que os concellos poñan en marcha os mecanismos necesarios para implantar canto antes o quinto contedor e que comecen a entregar nesta instalación os seus residuos orgánicos, Tendo en cuenta que o prazo estipulado pola Unión Europea expira o próximo 31 de decembro”, precisou.
Tamén puxo en valor o servizo público prestado pola compañía a un total de 295 entes locais e que vai máis aló do tratamento dos residuos municipais, toda vez que a Sociedade Galega do Medio Ambiente “achega xestión, achega loxística, achega os medios necesarios para que os concellos cumpran coas súas obrigacións legais e achega tamén recursos para a formación e concienciación da cidadanía”.
Neste marco, apelou á colaboración e unidade para resolver un problema, a xeración de residuos, do que ninguén escapa e ao que Sogama, ente adscrito á Xunta de Galicia, pon solución.
Saúdos, Departamento de Comunicación