
- Baixo o lema “O marrón, o contedor que devolve vida”, con esta iniciativa pretende aumentar as taxas de compostaxe e contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de residuos
- A empresa remitiu senllos escritos a distintos Concellos usuarios da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa para contar coa súa colaboración na organización de sesións formativas e talleres dirixidos á veciñanza
- De forma paralela, está a levar a cabo xornadas presenciais nos centros educativos destes municipios, tendo contratado datas en colexios e institutos do Grove, Poio, Cambados e o propio municipio vilanovés
Cerceda, a 9 de abril de 2025.- Baixo o lema “O marrón, o contedor que devolve vida”, Sogama aborda, na comarca do Salnés, unha campaña informativa e de concienciación orientada a incrementar a achega de materia orgánica ao contedor marrón e posibilitar así a elaboración de maiores cantidades de compost na planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, un abono natural de alta calidade con posteriores aplicacións na agricultura e xardinería.
O maior uso deste recipiente, non só contribuirá ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de residuos, senón que traerá consigo beneficios económicos para os concellos, xa que, mentres o canon de biorresiduos para este ano 2025 ascende a 51,4 euros/toneladas, o da bolsa negra sitúase en 83 euros/tonelada se os entes locais cumpren requisitos.
A empresa remitiu senllos escritos aos Concellos de Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Meis, Poio, Vilanova de Arousa e Sanxenxo para contar coa súa colaboración na organización de sesións formativas e talleres dirixidos á veciñanza. Así mesmo, e de forma paralela, está a levar a cabo xornadas presenciais nos centros educativos destes municipios, tendo concretado datas en colexios e institutos do Grove, Poio, Cambados e Vilanova.
Educadores especializados ao servizo da compañía son os encargados de explicar ao alumnado as razóns da incorporación do quinto contedor ás rúas, cal debe ser o uso do mesmo, que residuos deben e non deben ser depositados neste recipiente, e como é a operativa de xestión dos mesmos desde que se recollen de forma diferenciada por parte dos servizos municipais ata que chegan á planta de compostaxe de Vilanova para ser procesados.
Así mesmo, están a entregarse folletos explicativos aos estudantes e docentes que asisten ás charlas a fin de que lles sirvan para reforzar coñecementos e os utilicen como manual de consulta nos fogares, contribuíndo con isto a mellorar a selección dos biorresiduos en orixe por parte das familias.
Entre os recursos empregados, os monitores fan uso de presentacións, vídeos e xogos cos que o alumnado pode contrastar e poñer a proba todo o aprendido.
Tratamento en planta
Alí retíranse os elementos impropios, é dicir, aqueles materiais que foron introducidos erroneamente no contedor marrón, cando o seu destino debería ser outro, someténdose a materia orgánica a un proceso de fermentación, maduración e afino.
A instalación conta coas últimas tecnoloxías dispoñibles para o tratamento de aire e augas, así como de control de cheiros e ruído, sendo a súa operativa totalmente respectuosa co medio ambiente e o benestar da cidadanía. Ademais, unha parte da mesma é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
Saúdos, Departamento de Comunicación