- A empresa pública establece itinerarios adaptados a cada grupo de idade co fin de previr posibles incidencias e evitar riscos
- O colectivo de 9 a 17 anos poderá realizar unha visita virtual polas instalacións con lentes inmersivas 360º e, a partir dos 18 anos, terán a opción de efectuar o percorrido guiado a pé
- As visitas compleméntanse con xogos, actividades, coloquios e enquisas de satisfacción en liña que axudan en boa medida a mellorar o seu enfoque e desenvolvemento
- Sogama xa recibiu nas súas instalacións a máis de 80.000 visitas, constituíndo este programa o mellor exemplo de transparencia corporativa
Cerceda, a 26 de setembro de 2023.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente reactivou o seu programa educativo de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda para o período académico 2023-2024, podendo participar no mesmo escolares a partir dos 9 anos de idade.
Tendo en conta que se trata dunha infraestrutura industrial na que predomina o tráfico pesado e maquinaria de distinta tipoloxía, a empresa pública estableceu itinerarios acotados a cada grupo de idade co fin de previr posibles incidencias e evitar riscos.
Itinerarios
Así as cousas, os pequenos e mozos de entre 9 e 17 anos, poderán gozar dunha visita virtual polas distintas plantas que conforman o Complexo a través de lentes inmersivas 360º. Este percorrido permite acceder ao interior das instalacións desde perspectivas que resultarían imposibles desde un percorrido a pé e, ademais, coa máxima seguridade.
Así, os participantes poden adentrarse na planta de clasificación de envases, onde se separan por tipoloxías os materiais da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) para o seu posterior envío aos centros recicladores, así como na planta de recuperación dos materiais contidos na bolsa negra (fracción resto), na cal se separan os residuos susceptibles de ser reciclados para remitir á industria transformadora.
A viaxe virtual complétase coas plantas de coxeración e termoeléctrica, onde o combustible elaborado a partir dos refugallos non reciclables convértese en electricidade.
Trátase dunha experiencia que os visitantes que xa tiveron a oportunidade de vivila cualifican como única pola súa achega didáctica e a visión de detalle que ofrece.
Este tipo de visitas orientadas a menores de idade compleméntanse con presentacións, vídeos e xogos, destacando as máquinas Arcade, catro en total, dedicada cada unha a un contedor (amarelo, marrón, azul e xenérico) onde os participantes poñen a proba os seus coñecementos sobre recollida selectiva e tamén as súas habilidades motoras e reflexos á hora de seleccionar residuos e transportalos á planta correspondente.
Para os maiores de 18 anos, nos casos en que así o desexen, e acompañados en todo momento polos monitores, poderán realizar un itinerario guiado a pé.
Avaliación
Tras a visita (sexa virtual ou física) resérvase un espazo de tempo para preguntas, comentarios, observacións e debate ao redor da correcta xestión dos residuos municipais e a actividade desta compañía pública. Os visitantes poden cubrir, de forma voluntaria, unha enquisa en liña para expresar a súa opinión sobre os distintos aspectos da visita: desde as atencións dispensadas polo equipo educativo ata a operativa das propias instalacións, tendo a oportunidade de deixar constancia das súas propostas de mellora, que Sogama terá moi en conta para optimizar o enfoque deste programa pedagóxico.
Os centros e colectivos que queiran concertar unha visita ao Complexo cercedense ou ben obter información sobre o programa, deben contactar co Departamento de Comunicación nos teléfonos 981698512/11/00, ou enviando un correo electrónico a comunicacion@sogama.es
Máis de 80.000 visitas
A día de hoxe, Sogama recibiu nas súas instalacións a máis de 80.000 visitas, constituíndo este programa uno dos mellores exemplos de transparencia que caracteriza á entidade pública, que sempre abriu as súas portas e tendeu a súa man aos distintos colectivos sociais para mostrarlles o que fai e como o fai, sendo o seu obxectivo o coidado do medio ambiente e a saúde dos galegos a través da xestión sostible dos residuos municipais.
Saúdos, Departamento de Comunicación