- O obxectivo é abundar na importancia que ten coidar e protexer a contorna como parte fundamental da vida e a boa convivencia.
- Da man do Director da Escola, Pedro Cantero, a institución leva a cabo numerosas iniciativas medioambientais que avalan con creces a súa contribución á protección medioambiental.
- É o caso do seu programa de compostaxe, a posta en marcha dunha horta ecolóxica e o seu proxecto estrela para a redución do desperdicio alimentario “Don´t waste food”, que desembocou na publicación dun libro de receitas con sobras de comidas “Saborosa reciclaxe”.
- A escola xa está a traballar en novos proxectos medioambientais nos que as boas prácticas vinculadas á reutilización e á reciclaxe seguirán sendo as protagonistas.
Cerceda, a 29 de xaneiro de 2019.- Tendo en conta que a educación ambiental constitúe unha disciplina transversal que require perseveranza, os monitores de Sogama regresan mañá, 30 de xaneiro, ás aulas da Escola de Adultos do centro penitenciario de Monterroso (Lugo) para seguir formando ao alumnado nas boas prácticas ambientais e recordar a importancia que ten coidar e protexer a contorna como parte fundamental da vida e a boa convivencia.
Non obstante, os internos de Monterroso constitúen uns estudantes avantaxados nesta e outras materias. Da man do Director da Escola, Pedro Cantero, levan a cabo numerosas iniciativas que avalan con creces a súa contribución á protección a contorna. É o caso do seu programa de compostaxe, no que combinaron a compostaxe doméstica e a vermicompostaxe, empregando o abono resultante na súa horta ecolóxica, onde cultivan diversos produtos tales como verduras, froitas, hortalizas e ata herbas aromáticas.
Así mesmo, cabería destacar a súa contribución á diminución do desperdicio alimentario cun proxecto que, baixo o título “Don´t waste food”, traspasou as fronteiras galegas, constituíndo todo un exemplo a seguir noutros puntos de España.
O traballo do centro nesta iniciativa desembocou na publicación dun libro que, bautizado co lema “Saborosa reciclaxe”, aglutina preto de 70 receitas de cociña con sobras de comida elaboradas no penal coa participación do cociñeiro, o propio Pedro Cantero, así como profesores e internos. Unha tarefa colaborativa desenvolvida en varias fases coa que conseguiron minorar o desperdicio alimentario no centro, levando a cabo ao mesmo tempo sesións informativas e de concienciación sobre o alto valor que ten a comida e a importancia dunha dieta equilibrada para a saúde.
TRABALLO MEDIOAMBIENTAL SEN TREGUA
Pero, nese incesante labor medioambiental, o centro xa está a traballar en novos proxectos onde a reutilización e a reciclaxe seguirán cobrando protagonismo.
Namentres, e a fin de recordar as nocións básicas da sostibilidade, os educadores ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente abordarán mañá unha serie de cuestións de actualidade tales como a importancia de poñer fin aos plásticos de usar e tirar, conforme ás directrices europeas, e a necesidade de aproveitar ao máximo os produtos e segregalos por tipoloxías, unha vez convertidos en residuos, depositándoos posteriormente nos distintos contedores de recollida selectiva, un xesto fundamental para propiciar ao reciclado e, polo tanto, á transformación dos residuos en novas materias primas.
Así mesmo, darán conta das últimas novidades vinculadas á actividade de Sogama, como é a posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Dúas fases integradas nun mesmo proxecto, o de ampliación do complexo industrial de Cerceda (A Coruña), que permitirán á empresa pública multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e diminuír a mínimos o vertido.
Saúdos, Departamento de Comunicación