-
Un convoy da empresa con 30 contedores baleiros quedou atrapado na vía que une Lugo con A Coruña, onde permaneceu durante varios días logo do descarrilamento dun tren de mercadorías
-
A Sociedade pública conseguiu resolver en tempo récord as dificultades técnicas detectadas nas últimas xornadas coa reorganización da dotación de medios e cun reforzo do transporte de residuos por estrada
Cerceda, a 9 de agosto de 2024.- Sogama regulariza o servizo de transferencia de residuos nas plantas que resultaron afectadas pola incidencia que tivo lugar en días pasados nunha das liñas ferroviarias que unen Lugo con A Coruña, e que Adif pechou ao tráfico entre o 26 de xullo e o 5 de agosto tralo descarrilamento dun tren de mercadorías.
Esta decisión non foi comunicada por Renfe a Sogama, provocando que un convoy da empresa pública con 30 contedores de residuos baleiros (con capacidade para 20 toneladas cada un), e que se dirixía a Lugo, quedara atrapado durante varios días na vía.
Esta situación orixinou problemas de abastecemento de contedores en distintas plantas de transferencia, polo que os camións de recollida municipal non puideron descargar nas mesmas ao ritmo habitual.
A secuencia de acontecementos complicouse polo feito de que coincidiron nunhas xornadas de alta produción de refugallos en toda a comunidade debido ao incremento do turismo e distintas festas gastronómicas multitudinarias, coa particularidade de que tivo lugar unha avaría no sistema hidráulico da planta de transferencia do Rosal (Pontevedra), polo que varios municipios que utilizan esta instalación tiveron que ser desviados á de Porriño.
Estas Incidencias técnicas puntuais xa foron solventadas por Sogama en tempo récord mediante a reorganización da dotación de medios e un reforzo no transporte por estrada.
O servizo, a día de hoxe, está totalmente restablecido.
Saúdos, Departamento de Comunicación