- Un total de 34 concellos da provincia, outros tantos centros educativos e 9 colectivos sociais forman parte do programa de compostaxe doméstica promovido por esta Sociedade pública.
- Así mesmo, a empresa conta nas súas dependencias de Cerceda cunha planta de compostaxe industrial que xa está dando servizo aos concellos veciños de Laracha, Carballo e Cerceda, os cales implantaron o denominado quinto contedor (de cor marrón) para a recollida selectiva de materia orgánica.
- Máis aló dos beneficios ambientais, a compostaxe reporta tamén interesantes vantaxes económicas e sociais para os entes locais.
Cerceda, a 2 de setembro de 2020.- No marco do seu programa de compostaxe doméstica, a Sociedade Galega do Medio Ambiente repartiu de forma gratuita 3.050 composteiros na provincia da Coruña; concretamente, en 77 entidades (34 concellos, 34 centros educativos e 9 colectivos sociais).
Con esta iniciativa, a empresa pública adscrita á Consellería de Medio Ambiente pretende promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe e axudar aos entes locais a cumprir os obxectivos europeos na recuperación desta fracción de lixo.
Así mesmo, conta nas súas dependencias de Cerceda cunha planta de compostaxe industrial que xa está dando servizo aos concellos veciños de Laracha, Carballo e Cerceda, os cales implantaron nos seus respectivos termos municipais o denominado quinto contedor (de cor marrón), destinado a acoller os restos orgánicos recollidos de forma selectiva para a súa posterior transformación en compost. Unha modalidade que combinan, nos tres casos, coa compostaxe doméstica nas zonas máis rurais a fin de completar o ciclo de recuperación da materia orgánica e poñela en valor mediante a súa transformación nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Con capacidade para 15.000 toneladas anuais, a planta de compostaxe de Sogama está a disposición dos municipios máis próximos para que trasladen á mesma a materia orgánica recollida a través do contedor marrón.
Máis aló dos beneficios ambientais, que constitúen unha prioridade para os tres concellos, a compostaxe reporta tamén interesantes vantaxes económicas e sociais pola oportunidade que representa para reducir a cantidade de refugallos depositados nos contedores verdes convencionais e, xa que logo, o importe da factura que deben pagar a Sogama, así como os propios custos asociados á recollida e o transporte.
A fin de que os participantes poidan dispoñer dos coñecementos necesarios na autocompostaxe, Sogama imparte cursos de formación e edita material didáctico de apoio no que se describen os pasos a seguir. Así mesmo, habilitou no seu momento un sitio web de consulta www.compostaconsogama.gal no que os internautas teñen a oportunidade de acceder a recursos divulgativos de interese.
Saúdos, Departamento de Comunicación