-
A empresa pública impartiu nesta localidade unha nova xornada formativa sobre a xestión da materia orgánica nos fogares
-
Un total de 75 familias do municipio están adscritas a este programa
Cerceda, a 18 de xuño de 2024.- Persoal de Sogama regresou de novo ao municipio coruñés de Paderne para impartir un novo curso de formación sobre compostaxe doméstica e resolver todas as dúbidas dos veciños.
A día de hoxe, a localidade conta con 75 familias que xa están a xestionar a súa propia materia orgánica na vivenda a través do programa impulsado por esta empresa pública e o propio concello.
Con moito interese mostrado polos asistentes, explicóuselles a dinámica a seguir, insistindo nos tipos de residuos que deben, e non deben, depositarse no composteiro, como realizar a mestura entre materia seca e húmida para que sexa homoxénea e como facer un seguimento e control do proceso, prestando especial atención a parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura. Iso permitiralles obter un compost de alta calidade que poderán aplicar nos seus terreos coas máximas garantías, representando este abono unha gran achega nutricional para as plantas e cultivos, aos que mesmo preserva fronte a pragas e enfermidades.
Dado que a materia orgánica representa preto do 40% da composición media do lixo producido nos fogares, se se recupera en orixe, permite reducir a xeración de residuos, pechar o ciclo de recuperación dos restos orgánicos e posibilitar unha nova vida. É, en definitiva, o ciclo da natureza e un dos mellores exemplos de economía circular.
A xornada serviu tamén para dar resposta a distintas consultas sobre o sistema de recollida selectiva en xeral.
Saúdos, Departamento de Comunicación