- Crónica de Javier Domínguez Lino, presidente executivo da Sociedade Galega do Medio Ambiente, para a revista técnica FuturEnviro.
É indubidable que a crise sanitaria que nos tocou vivir, e que se ceba coa saúde pública e a economía, provocou tamén cambios radicais e forzados nos nosos comportamentos que van máis aló do perceptible a primeira vista.
Son moitos as análises que se están a realizar, con distintos enfoques e desde diferentes áreas; e non me refiro unicamente á sanitaria, a laboral e a financeira, senón tamén ao impacto psicolóxico desta pandemia, á falta de liberdade, á convivencia no seo familiar, ás relacións de parella e filiales, ao verdadeiramente necesario e o superfluo, e á rascendental importancia de servizos esenciais que, de non estar dispoñibles, darían lugar a un escenario que nin me atrevería a describir.
Un deles é o sector dos residuos, en toda a súa amplitude: desde os operarios de recollida e limpeza ata o transporte, pasando polo persoal das plantas de tratamento e a industria recicladora. O seu labor faise hoxe máis necesario que nunca porque a ninguén se lle escapa que a incorrecta xestión do lixo nunha crise sanitaria sen precedentes, acrecentaría aínda máis unha problemática de saúde pública xa de por si dramática.
Con independencia do seu modelo e da súa tecnoloxía, estou convencido de que o conxunto das instalacións de tratamento de residuos están facer todo o que boamente poden para contribuír, do mesmo xeito que outros moitos sectores, a loitar contra o COVID-19. E tamén desde as mesmas estase a levar a cabo un labor de análise da produción de refugallos desde a entrada en vigor do decreto do estado de alarma; unha evolución con altibaixos que ben poideran responder á actitude social e forma de facer fronte a un confinamento ao que o conxunto dos cidadáns está respondendo de forma exemplar.
No caso de Sogama, que atende a 295 concellos galegos nos que residen máis de 2.242.000 habitantes, constatouse unha lixeira caída na produción de residuos durante a primeira semana de coarentena, que entendemos como lóxica debido ao cese da actividade hostaleira e dunha gran parte do comercio. De aí pasou a incrementarse nun 6% no transcurso da segunda semana, que unha boa parte da poboación dedicou a realizar profundas limpezas das casas. A boa nova é que a reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) tamén creceu, en máis dun 6% e, se a comparativa se fai co mesmo período de 2019, estariamos a falar xa dun incremento do 25%.
O mes de abril apunta cara a unha baixada da xeración de residuos, pero con picos, manténdose firme, e ata diría que reforzado, o compromiso dos cidadáns coa reciclaxe. Quizais pola posibilidade de dispoñer de máis tempo, quizais pola gratificación que supón en tempos de penurias axudar a protexer o medio ambiente e a saúde, ou quizais porque separar o lixo incorporouse aos seus novos hábitos de vida e comprobaron que non require de gran esforzo nin dedicación.
A composición do residuo urbano tamén cambiou. As bolsas de lixo tínguense en moitos casos do branco e azul das mascarillas e luvas desbotables utilizadas pola poboación que viaxan, xunto coa fracción resto, cara á valorización enerxética, o mellor tratamento posible para a parte non reciclable, reforzado polos seus incuestionables controis e garantías ambientais.
Enfrontámonos, como tantas e tantas empresas, á incerteza respecto de subministracións críticas para o correcto funcionamento das instalacións e á gran escaseza de medios de protección nun mercado esaxeradamente competitivo e dominado polo medo. Pero, grazas a unha xestión eficiente en momentos de alta tensión, grazas ao apoio da Xunta de Galicia e grazas á profesionalidade e compromiso do noso capital humano, operamos e seguimos operando coa maior pulcritude, dispensando a máxima protección aos nosos traballadores para preservar a súa saúde e o seu benestar, e prestando o mellor servizo público á nosa comunidade.
Non somos heroes nin tampouco somos os mellores; simplemente facemos o noso traballo o mellor que podemos.
O meu máis sincero agradecemeento a toda a cadea que dá realmente valor aos nosos residuos e posibilita a súa conversión en recursos, tamén en momentos de crise.