- O centro mostrouse interesado en autoxestionar os residuos orgánicos en orixe e aplicar o abono resultante nas zonas verdes do recinto.
- Na actualidade, 8 colectivos sociais da provincia de Lugo están adscritos ao programa de compostaxe doméstica promovido por esta empresa pública, tendo repartido entre os mesmos preto de 200 composteiros.
Cerceda, a 10 de marzo de 2021.- Trala solicitude da Fundación Hospital Asilo Vilalba (Vilalba-Lugo), Sogama subministrou a este centro un composteiro de 390 litros de capacidade co fin de que a materia orgánica xerada nos comedores poida ser transformada en compost, un abono natural de alta calidade que será utilizado posteriormente nas zonas verdes do recinto.
Con esta iniciativa, o Hospital Asilo Vilalba pretende autoxestionar os refugallos orgánicos, evitando o seu depósito no contenedor verde convencional. Así mesmo, permítelle levar a cabo unha tarefa educativa e de concienciación ambiental entre os traballadores, os residentes e as súas familias sobre as vantaxes ecolóxicas que ten a valorización da materia orgánica, xa que, unha vez convertida en compost, regresa á terra, achegando nutrientes e protexendo o solo fronte a posibles pragas e enfermidades.
A día de hoxe, un total de 8 colectivos sociais da provincia de Lugo están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama. É o caso de Aspanane Viveiro; a Asociación veciñal de Remourelle, en Ribadeo; a Asociación Cultural e Xuvenil A Carballeira de Pol; a Asociación Ribasaltas de Monforte de Lemos; o CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia); e os centros penais de Monterroso e Bonxe, ademais do Hospital Asilo Vilalba. Entre os mesmos, a empresa pública repartiu preto de 200 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación