- Baixo o lema “Para e pensa”, a firma xestora da planta de clasificación de envases lanza unha campaña coa que pretende concienciar aos traballadores sobre a importancia de reflexionar antes de cada tarefa a fin de preservar a súa seguridade
- Igualmente, con esta iniciativa quere fomentar a aprendizaxe e mellora continua, así como o diálogo aberto e intercambio de experiencias en aras de previr accidentes e reducir erros humanos, ademais de mellorar a eficiencia e a produtividade do persoal
Cerceda, a 19 de setembro de 2024.- Sogama súmase á conmemoración da I Semana da Seguridade e faino da man de PreZero, empresa xestora da planta de clasificación de envases lixeiros, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks recollidos a través do contedor amarelo.
Baixo o lema “Para e pensa”, PreZero lanzou unha campaña coa que pretende reforzar a concienciación do persoal sobre a importancia que ten a seguridade e a saúde no traballo e incidir na imperiosa necesidade de reflexionar antes de realizar cada tarefa para acometela de forma segura. Con tal fin, a avaliación da contorna, a identificación de riscos e a elección das mellores prácticas, constitúen elementos esenciais a ter en conta.
Igualmente, con esta iniciativa quere fomentar a aprendizaxe e mellora continua, así como o diálogo aberto e intercambio de experiencias, centrando para isto o seu eixo formativo nos 10 escudos da Seguridade, que teñen a función de concienciar sobre os comportamentos inseguros e levar á reflexión sobre conceptos críticos na materia.
A protección e a prevención, que se enmarcan na propia cultura organizativa da empresa, protagonizan as accións a materializar durante esta semana para capacitar e motivar cara a unha maior sensibilización en cada un dos aspectos da xornada laboral.
Así, entre outras actividades, estanse a desenvolver xornadas de retos presenciais, desafíos en liña, colocación de pancartas nas instalacións e distribución de merchandising para dar unha maior visibilidade á campaña, con claros beneficios na prevención de accidentes, redución de erros humanos, mellora da eficiencia e maior produtividade.
Fonte e imaxe: PreZero