- O seu programa de compostaxe doméstica conta cun total de 467 entidades adscritas, entre as que figuran 228 concellos das catro provincias, ademais de 207 centros educativos e 32 colectivos sociais
- O obxectivo desta iniciativa é promover a autoxestión da materia orgánica en vivendas unifamiliares con terreo, dados os seus importantes beneficios ambientais, económicos e sociais
- A empresa pública tamén se encarga de impartir cursos e charlas formativas sobre esta temática, ademais de editar material divulgativo de apoio, e todo isto coa pretensión de que os participantes elaboren un compost de alta calidade
Cerceda, a 11 de septiembre de 2024.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente lidera en Galicia un programa de compostaxe doméstica no marco do cal xa repartiu, de forma gratuíta, máis de 22.000 composteiros entre un total de 467 entidades adheridas ao mesmo (228 concellos das catro provincias, 207 centros educativos de primaria e secundaria, e 32 colectivos sociais, fundamentalmente asociacións).
Con esta iniciativa, a empresa pública pretende asentar na comunidade a autoxestión da materia orgánica como claro exemplo de economía circular, xa que permite aos usuarios obter, a partir dos seus biorresiduos, un abono natural de alta calidade que poden utilizar nas súas propios hortas, xardíns e cultivos para achegar nutrientes ao solo e mesmo preservalo fronte a pragas e enfermidades.
Dado que a fracción orgánica representa aproximadamente o 37% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito nos contedores das rúas, minorando desta forma a cantidade de residuos que se envían ás plantas de tratamento, o que repercute nun aforro de custos, tanto en transporte como en xestión.
Deste xeito, recupérase unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para a elaboración de abono ou para alimento do gando, pero dunha forma máis moderna, hixiénica e eficiente propiciada polo composteiro que, no caso do modelo Sogama, ten capacidade para 400 litros e está fabricado con materiais reciclados e reciclables.
Control e seguimento para obter un compost de alta calidade
Poden integrarse nesta iniciativa as vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante. De feito, é necesario que o composteiro se sitúe no exterior da vivenda, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores e nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas.
Os participantes deben controlar a mestura de residuos, de tal forma que haxa un equilibrio entre fracción seca e húmida, aireala e realizar un seguimento de parámetros de gran relevancia e influencia no resultado final como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
En todo caso, e a fin de instruír aos veciños na técnica e resolver dúbidas, persoal de Sogama imparte cursos presenciais nos concellos adheridos. Estas formacións compleméntanse con material didáctico de consulta, como é o caso de guías nas que se describe o proceso a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes, ademais de resolver os erros máis comúns.
Así mesmo, os interesados teñen á súa disposición un microsite con distintos recursos divulgativos para reforzar e ampliar os seus coñecementos na materia https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación