- Urxe actuar desde a colaboración e por iso é necesario dispoñer de información e coñecer os datos, tanto no ámbito mundial como a nivel estatal, sobre todo porque España eríxese hoxe no país europeo máis vulnerable a este fenómeno.
Cerceda, a 19 de xaneiro de 2019.- O cambio climático está aquí e as súas ameazas cérnense sobre a humanidade e os ecosistemas. Urxe actuar e, aínda que poida parecer insignificante, limitar o quecemento do planeta a 1,5ºC, en lugar de 2ºC, suporía unha gran diferenza e un gran paso adiante, tal e como se aseguraba nun informe recente do IPCC sobre o cambio climático e as súas consecuencias.
No sitio web www.ecointeligencia.com, faise acopio dunha serie de feitos e datos que apoian a necesidade de poñernos mans á obra para minimizar as consecuencias deste grave fenómeno.
NO MUNDO
Se atendemos á dimensión mundial, cabe sinalar que, entre 1880 e 2017, a temperatura media do planeta subiu 1ºC, un aumento que crece a un ritmo de 0,2ºC por década. A Organización Meteorolóxica Mundial confirmou que 2017 foi, xunto a 2015 e 2016, un dos tres anos máis calorosos desde que comezaron os rexistros en 1880, alcanzando tamén o pasado ano a Terra unha cifra récord de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).
Respecto ao nivel medio do mar, entre 1901 e 2010 ascendeu 19 cm debido ao aumento da temperatura, que provocou a expansión dos océanos, e ao desxeo orixinado polo quecemento global. Para 2100 prevese unha subida adicional de 19 a 58 cm.
Ademais, en febreiro de 2018, e segundo o Centro Nacional de Datos de Xeo e Neve (NSIDC) da NASA, a estensión do xeo mariño ártico rexistrou un promedio de 13,95 millóns de quilómetros cadrados, o que representa unha diminución da taxa do 13,2% por década.
EN ESPAÑA
No caso concreto de España, o noso país eríxese no máis vulnerable ao cambio climático a escala europea, cun incremento da temperatura de 1,5ºC nas tres últimas décadas, chegando ata a 2ºC nalgunhas zonas como Murcia, prevéndose que aumente entre 1,1ºC e 6,4ºC para o ano 2095. Os anos 2011, 2015 e 2017 foron os máis calorosos.
Na costa atlántica e cantábrica, o nivel do mar chegou a subir entre 3 e 6 mm anuais ao longo do século pasado. Se ben esta subida non chegaba aos 2 mm na década dos setenta, na actualidade está próxima aos 4 mm respecto dos últimos anos do século XIX, coa particularidade de que case o 90% da estensión dos glaciares desapareceu en apenas un século, acelerándose este fenómeno desde 1980.
O total de zonas áridas, semiáridas e subhúmidas secas en España chegará aos 37,4 millóns de hectáreas das 50,5 millóns do total do territorio, estando en risco de converterse en deserto entre o 75 e o 80% do país ao longo deste século, coa particularidade de que tamén albergamos as dez cuncas hidrográficas con maior estrés hídrico (seca crónica) de toda Europa.
Ademais, a metade das especies de anfibios, réptiles, mamíferos e aves poderían ver reducido o seu hábitat de distribución actual en máis dunha terceira parte.
Coñecer os datos e interiorizalos constitúe o mellor impulso para pasar á acción.
Fonte: www.ecointeligencia.com
Saúdos, Departamento de Comunicación