- Segundo un informe publicado pola revista médica The Lancet, nun de cada tres países de renda baixa e media, constátanse as dúas caras da mala nutrición: a desnutrición e a obesidade.
- Para mudar esta situación requírese aplicar medidas en todas as etapas dos sistemas alimentarios: desde a produción e o procesado ata a redución do desperdicio alimentario.
- O documento indica que os programas contra a desnutrición deben redeseñarse, destacando que os prestados a través dos servizos de saúde, as redes de seguridade social, as contornas educativas e os sistemas agrícolas, ofrecen oportunidades para combater as enfermidades relacionadas coa alimentación.
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2020.- Segundo un informe publicado pola revista médica The Lancet, nun de cada tres países de renda baixa e media, constátanse as dúas caras da mala nutrición: a desnutrición e a obesidade. Neste escenario, a OMS (Organización Mundial da Saúde) chama a adoptar un novo enfoque para xestionar os cambiantes sistemas alimentarios.
As cifras falan por si soas: preto de 2.300 millóns de persoas de todas as idades teñen exceso de peso e máis de 150 millóns de nenos padecen retraso do crecemento.
O doutor Francesco Branca, director do Departamento de Nutrición e Desenvolvemento da OMS e principal autor do informe, alertou sobre a nova realidade nutricional á que se debe facer fronte: “Todas as formas de malnutrición teñen un denominador común: sistemas alimentarios que non poden ofrecer a todas as persoas unha alimentación saudable, inocua, asequible e sostible”.
A xuízo de Branca, para mudar esta situación requírese aplicar medidas en todas as etapas dos sistemas alimentarios: desde a produción e o procesado, pasando polo comercio e a distribución, a fixación de prezos, a comercialización e o etiquetado, ata o consumo e o desperdicio de alimentos.
O estudo recomenda dietas de alta calidade para combater ambos problemas sanitarios: a lactancia materna durante os dous primeiros anos de vida; a diversidade e abundancia de froitas e hortalizas, cereais integrais, fibra, froitos secos e sementes; evitar produtos aos que se engadira azucre, graxa saturada, graxa trans e sal, etc.
Non obstante, os sistemas alimentarios de moitos países incrementaron a dispoñibilidade de produtos ultraprocesados vinculados a un maior aumento de peso, diminuíron a cantidade de mercados con alimentos frescos e reduciron o control da cadea de subministración dos supermercados.
O documento advirte que a exposición á desnutrición nos primeiros anos de vida, seguida polo sobrepeso a partir da nenez, incrementa o risco de padecer diferentes enfermidades tales como a diabetes tipo 2, a hipertensión e os accidentes cerebrovasculares, coa particularidade de que os efectos negativos poden transmitirse dunha xeración a outra.
O informe tamén indica que, historicamente, as medidas para abordar as distintas formas de malnutrición en xeral non tiveron en conta factores importantes como a nutrición na primeira infancia, a calidade da alimentación, os factores socioeconómicos e as contornas alimentarias.
Neste sentido, sinala que, se ben é fundamental manter os programas contra a desnutrición, deben redeseñarse, destacando que os prestados a través dos servizos de saúde, as redes de seguridade social, as contornas educativas e os sistemas agrícolas, ofrecen oportunidades para combater as enfermidades relacionadas coa alimentación.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación