- Así o indicou o alcalde, José Luis Martínez, nunha entrevista recollida na Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao pasado mes de xuño.
- Móstrase convencido de que a conciencia ambiental da cidadanía verase incrementada na era post-covid e que se abrirá a porta a un maior compromiso coa protección dos diferentes ecosistemas.
- O concello seguirá impulsando a reciclaxe da materia orgánica en orixe. De feito, 200 vivendas unifamiliares xa dispoñen de composteiros.
- Confía en que, máis aló dun repunte do uso do plástico por motivos hixiénicos, a aposta pola redución deste material non teña volta atrás.
Cerceda, a 6 de xullo de 2020.- O alcalde do concello de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, móstrase convencido de que a conciencia ambiental da cidadanía verase incrementada na era post-covid e que se abrirá a porta a un maior compromiso coa protección dos diferentes ecosistemas. Así o asegura desde a absoluta confianza depositada na súa contorna máis inmediata, os seus veciños, aos que eloxia polo seu comportamento exemplar, cumprindo en todo momento coas recomendacións das autoridades sanitarias.
Desta forma, quixo render a súa máis sentida homenaxe a todas aquelas persoas que garantiron os servizos esenciais no municipio durante o estado de alarma, así como á empresa de limpeza viaria e recollida de lixo, coa que o ente local colaborou estreitamente mediante a dotación de material de protección, reforzando igualmente as tarefas propias de desinfección das rúas e os espazos máis transitados.
Nunha entrevista recollida na Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao pasado mes de xuño, Martínez Sanjurjo enxalzou o apoio recibido en todo momento pola Xunta de Galicia, así como o traballo exemplar desenvolvido pola sanidade pública galega e os seus xestores: desde o propio presidente do Goberno galego ata o último traballador, toda vez que velaron de forma permanente por garantir os servizos e protexer ao conxunto dos galegos.
O rexedor móstrase especialmente satisfeito polo feito de que, a pesar dos duros momentos vividos no municipio, como tantos e tantos outros de España, finalmente ningún veciño falecese debido ao coronavirus. Non obstante, si lamentou o caso daquelas familias que, ante a morte dun ser querido, non puideron despedirse como quixeran debido ás limitacións impostas pola pandemia.
Tal e como sucedeu na meirande parte dos municipios, a produción de residuos tamén creceu de forma exponencial na localidade ordense debido ao acopio de produtos e compras a través de internet, á propia limpeza realizada nas casas, etc. E, se ben a meirande parte das persoas actuaron con moito civismo, tamén deslizou algún caso puntual de comportamento incívico por parte de veciños que optaron por tirar o lixo en lugares inapropiados. Unhas condutas irrespectuosas co medio ambiente e co resto dos cidadáns e que, loxicamente, foron sancionadas sempre que resultou posible.
POÑENDO EN VALOR A MATERIA ORGÁNICA
O concello seguirá impulsando a reciclaxe da materia orgánica en orixe. De feito, 200 vivendas unifamiliares xa dispoñen de composteiros e, no seguimento que o concello fixo deste programa, detectou unha gran acollida do mesmo por parte dos usuarios.
José Luís Martínez Sanjurjo confía en que, máis aló dun repunte do uso do plástico por motivos hixiénicos, a aposta pola redución deste material non teña volta atrás.
Así mesmo, considerou que o reforzo da estratexia europea dos tres erres, a maior eficiencia enerxética e a aposta polas enerxías renovables deben cobrar protagonismo na axenda pública e privada.
“A sostibilidade é, para o concello de Ordes, unha prioridade que reforzaremos aínda máis a curto e medio prazo”, sentenciou.
Saúdos, Departamento de Comunicación