
- A pegada ambiental propia destas celebracións, que se estenden polo conxunto da comunidade galega, pode minimizarse por cada un de nós con prudencia, responsabilidade e pequenos xestos
Cerceda, a 28 de febreiro de 2025.- O Entroido toma as cidades e pobos de Galicia estes días con pasarruas, desfiles, espectáculos e suculentos festíns gastronómicos nos que a tradición adquire especial protagonismo. A pegada ambiental propia desta celebración, que se estende polo conxunto da comunidade, pode minimizarse por cada un de nós con prudencia, responsabilidade e pequenos xestos:
1.- Fabrica o teu propio disfraz. Con roupa vella ou fóra de uso, caixas de cartón, papel usado e algún que outro accesorio e complemento, poderás crear vestimentas únicas e orixinais, froito da túa creatividade e habilidades. Outra opción é que alugues o teu disfraz ou que adquiras un de segunda man.
2.- Opta por maquillaxes e purpurina eco. A purpurina contén cantidades de plástico sumamente difíciles de eliminar, pero existen alternativas moito máis sostibles coas que brillarás exactamente igual, pero dunha forma máis ecolóxica.
3.- Utiliza artigos biodegradables. En lugar dos habituais de plástico ou refugables, moito mellor confeti orgánico ou serpentinas de papel.
4.- Non uses produtos químicos agresivos. É o caso de aerosois ou escumas que poidan ser prexudiciais para a saúde e o medio ambiente.
5.- Nin un só residuo ao chan. Leva unha bolsa na que poidas depositar os refugallos xerados e gárdaos ata que atopes unha papeleira ou o contedor axeitado para depositalos. Esteas onde esteas, mantén limpa a contorna.
6.- Reduce o desperdicio alimentario. Cocido galego, filloas, orellas, etc, constitúen unha parte esencial desta festa en Galicia. Calcula as cantidades en función dos comensais e aproveita as sobras para novos menús. Cos restos do cocido, podes elaborar unhas deliciosas concretas.
7.- Máximo respecto. A masificación das rúas adoita ser habitual nestas datas e o anonimato que dan certos disfraces pode levar á imprudencia ou a comportamentos incívicos, como molestar a outras persoas.
Saúdos, Departamento de Comunicación