
- A xornada, que contou coa colaboración da empresa Applus, serviu para abordar algúns aspectos normativos, así como a imperiosa necesidade de implantar a recollida diferenciada da materia orgánica, dados os seus beneficios ambientais e económicos
- Tamén se falou do custo do tratamento dos residuos e a necesidade dunha maior transparencia coa veciñanza, explicándolle, con datos e cifras, a importancia da súa colaboración para fomentar o aforro
Cerceda, ao 24 de abril de 2025.- Técnicos e cargos políticos de máis de 70 concellos das catro provincias participaron nun encontro en liña, promovido por Sogama en colaboración coa empresa Applus, cuxo obxectivo era facer un balance conxunto da xestión actual dos residuos municipais, compartir experiencias e iniciativas, e poñer sobre a mesa cuestións de interese para o seu estudo e avaliación.
No transcurso da xornada, que tivo unha duración aproximada de 4 horas, abordáronse, entre outras temáticas, algúns aspectos contemplados na lei estatal 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solo contaminados para unha economía circular, que obriga aos entes locais a instaurar a recollida diferenciada da fracción orgánica antes do 1 de xaneiro de 2024 e a aplicar, a partir do presente mes de abril, unha taxa de residuos non deficitaria e que cubra os custos reais do servizo (incluíndo contenerización, recollida de lixo, tratamento en planta, combustible e mesmo campañas de formación e sensibilización social). Tamén lles obriga a implantar, a partir do 1 de xaneiro do ano en curso, a recollida selectiva de residuos téxtiles
Compostaxe: máis beneficios ambientais e menos custos económicos
A compostaxe, tanto industrial como doméstica, centrou boa parte da sesión, e non só polas súas vantaxes ambientais, senón tamén polos seus beneficios económicos.
Dado que os residuos orgánicos representan, no cómputo global da composición dunha bolsa de lixo doméstica tipo, en torno ao 37% do total de refugallos, se esta porcentaxe se leva a algunha das 4 plantas compostaxe que Sogama xestiona en Galicia para converterse en abono, os concellos pagarán por tonelada un importe de 51,4 euros, fronte aos 95 euros que deben abonar pola xestión da fracción resto se cumpren requisitos.
Canon reducido de Sogama
Neste sentido, explicouse que as decisións adoptadas polo Estado (impostos á vertedura e á incineración, eliminación da retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, comprometida ata 2026, diminución da retribución á explotación da planta de coxeración e recuperación do imposto eléctrico do 7%), ocasionaron un grave impacto para as contas de Sogama, cunhas perdas económicas que ascenderon, no ano 2023, a máis de 18 millóns de euros.
Así as cousas, e dada a negativa do Goberno central a dar marcha atrás nas súas pretensións, Sogama, para salvagardar a viabilidade do seu sistema de xestión, que atende a 295 concellos, viuse na necesidade de actualizar o canon da bolsa negra (fracción resto recollida a través do contedor xenérico) ata os 108 euros/tonelada, coa opción de que os concellos se acollesen a un canon reducido de 95 euros/tonelada, supeditado ao cumprimento dun destes dous requisitos: reducir a produción de residuos nun 1% respecto ao ano inmediatamente anterior e/ou incrementar, nun 3%, a reciclaxe da bolsa amarela e/ou bolsa marrón.
Tamén se trataron distintas cuestións relativas ás campañas de información e sensibilización social, que en todo caso deben adaptarse ás particularidades de cada territorio, así como á necesidade dunha maior transparencia coa veciñanza, á que se debe explicar, con datos e cifras, o custo da xestión e tratamento dos residuos que producen cada día e a importancia da súa colaboración para propiciar un maior aforro ambiental e económico.
Saúdos, Departamento de Comunicación