- Hoxe conmemórase esta efeméride, poñendo de relevo a correcta xestión do lixo para lograr o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 11: cidades inclusivas, seguras, resilientes e sostibles.
- ONU Hábitat enxalza o papel relevante que desempeñan as tecnoloxías de vangarda polo seu potencial para mellorar a forma en que as persoas traballan e viven, así como para acelerar significativamente os esforzos na loita contra o cambio climático.
Cerceda, a 7 de outubro de 2019.- O primeiro luns de outubro de cada ano conmemórase o Día Mundial do Hábitat, unha efeméride coa que se invita á reflexión sobre o estado dos lugares nos que habitamos, recordando igualmente a responsabilidade que todos temos en moldear o futuro dos nosos pobos e cidades.
Tendo en conta que a temática elixida en 2018 xirou en torno á xestión dos residuos municipais, ONU-Hábitat puxo de relevo este ano a contribución das tecnoloxías de vangarda á xestión sostible do lixo para lograr o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 11: cidades inclusivas, seguras, resilientes e sostibles.
Así, a temática de 2019 céntrase nas tecnoloxías punteiras como ferramentas innovadoras para transformar os refugallos en riqueza e prosperidade, incluíndo todos os residuos xerados pola actividade humana e que, de non ser xestionados de forma correcta, teñen un negativo efecto sobre o medio ambiente e a saúde pública.
Neste sentido, ONU enxalza a elevada contribución das tecnoloxías de vangarda polo seu potencial para mellorar a forma en que as persoas traballan e viven, así como para acelerar significativamente os esforzos encamiñados a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e loitar contra o cambio climático.
Avances tales como a automatización, a robótica, os vehículos eléctricos, as tecnoloxías de enerxía renovable, as biotecnoloxías e a intelixencia artificial, posiblemente poidan contribuír a transformar os ámbitos sociais, económicos e ambientais, ofrecendo as mellores solucións para problemas cotiáns tales como a xestión e o tratamento do lixo.
Esta data, do mesmo xeito que o resto dos Días Internacionais, representa unha oportunidade para sensibilizar ao público en xeral sobre cuestións de gran interese tales como os dereitos humanos, o desenvolvemento sostible ou a saúde.
Fonte e imaxe: Nacións Unidas
Saúdos, Departamento de Comunicación