- As razóns parecen atoparse nos ambiciosos programas de plantación de árbores e de agricultura intensiva materializados en dous países emerxentes como China e India, que, por outra banda, contan coas poboacións máis grandes do mundo.
- Todo apunta a que agora hai máis de dous millóns de millas cadradas de área de folla verde adicional por ano, en comparación cos primeiros anos da década de 2000, o que se traduce nun incremento do 5%.
Cerceda, a 21 de marzo de 2019.- Segundo un estudo da NASA, e aínda que pareza curioso, a Terra está máis verde que fai dúas décadas. Así se desprende do aumento na follaxe, medida no promedio de área foliar por ano en plantas e árbores. As razóns non son outras que os ambiciosos programas de plantación de árbores e de agricultura intensiva materializados en dous países emerxentes como China e a India, que, por outra banda, contan coas poboacións máis grandes do mundo.
Se ben Ranga Myneni, da Universidade de Boston e os seus colegas, detectou o fenómeno de ecoloxización da Terra utilizando datos satelitais a mediados dos anos 90, o certo é que descoñecía se a actividade humana podería ser unha das causas directas. Este novo achado foi posible grazas ao seguimento e ao rexistro de datos durante case 20 anos por parte dun instrumento da NASA que orbita a Terra en dous satélites. Coñécese como espectrorradiómetro de imaxes de resolución moderada, ou MODIS, e proporciona información moi valiosa e precisa para os investigadores grazas aos seus datos de alta resolución, desvelando detalles do que está a ocorrer coa vexetación da Terra ata un nivel de 500 metros ou aproximadamente 1.600 pés no solo. De feito, MODIS capturou ata catro tomas de cada lugar do planeta todos os días durante os últimos 20 anos.
O maior verdor do noso planeta tradúcese nun aumento nas zonas das follas en plantas e árbores equivalente á área cuberta por todas as selvas tropicais do Amazonas. Isto quere dicir que agora hai máis de dous millóns de millas cadradas de área de folla verde adicional por ano, en comparación cos primeiros anos da década de 2000, o que se traduce nun incremento do 5%.
O sorprendente, segundo Chi Chen, do Departamento de Terra e Medio Ambiente da Universidade de Boston, en Massachusetts, é que China e India representan un terzo da ecoloxización, pero tan só conteñen o 9% da superficie terrestre do planeta cuberta de vexetación.
MÁIS BOSQUES E CULTIVO INTENSIVO DE CARÁCTER ALIMENTARIO
Tal e como explicou Rama Nemani, científico do Centro de Investigación Ames da NASA, en Silicon Valley, California, e coautor do traballo, cando se observou por primeira vez o proceso de ecoloxización da Terra considerouse que podía ser debido a un clima máis cálido e húmido, así como á fertilización do dióxido de carbono agregado na atmosfera. Agora, e cos datos na man, son conscientes de que os humanos tamén están contribuíndo a un planeta máis verde.
A gran contribución de China a este fenómeno provén, nun 42%, dos programas para conservar e expandir os bosques a fin de reducir os efectos da erosión do solo, a contaminación do aire e o cambio climático. Outro 32%, xunto co 82% do enverdecemento visto na India, provén do cultivo intensivo de carácter alimentario.
Unha vez descuberto que o home pode impulsar de forma directa a Terra ecolóxica, isto debe ser ter en conta nos modelos climáticos, podendo axudar aos científicos a facer mellores predicións sobre o comportamento dos diferentes sistemas da Terra, propiciando con isto que os países poidan adoptar mellores decisións sobre como e cando actuar.
Fonte e imaxe: www.nasa.gov