- O “Día da Sobrecapacidade da Terra” é a data que indica que xa consumimos todos os recursos que o noso planeta é capaz de xerar nun ano
- En pouco máis de 200 días, acabamos co capital natural dispoñible para os 365 días do ano. É dicir, vivimos coma se dispuxésemos de 1,75 planetas para satisfacer as nosas demandas de recursos naturais
- Co fin de superar esta situación, é necesario buscar en todos os sectores a rexeneración sostible
Cerceda, a 7 de agosto de 2023.- O 2 de agosto de 2023 tivo lugar o “Día da Sobrecapacidade da Terra”, unha data que indica que xa consumimos todos os recursos que o noso planeta é capaz de xerar nun ano. Calcúlase anualmente por parte da organización de investigación internacional Global Footprint Network, dividindo a biocapacidade do planeta entre a pegada ecolóxica da humanidade e multiplicando polos 365 días do ano.
En termos económicos sería como esgotar o saldo dispoñible e entrar en números vermellos porque, non só estamos a consumir o noso capital natural anual antes de tempo, senón que estamos a tomar recursos do futuro para cubrir o presente.
O Día da Sobrecapacidade da Terra segue unha tendencia clara: cada ano que pasa, o "overshoot day" chega antes debido á presión que exerce a humanidade sobre a Terra. Detrás deste abuso dos recursos atópase a deforestación, a sobrepesca, a sobreexplotación agrícola e outras moitas actividades que dependen das persoas. Canto máis grande sexa este déficit, máis afastado ao 31 de decembro estará esta data debido a que esgotamos antes todos recursos dispoñibles.
En pouco máis de 200 días xa acabamos co capital natural dispoñible para os 365 días do ano, excedendo nun 74 % a capacidade dos ecosistemas para rexenerar os recursos naturais. É dicir, vivimos coma se dispuxésemos de 1,75 planetas para satisfacer as nosas demandas.
O primeiro rexistro, en 1970, situouse o 29 de decembro. Cinco décadas máis tarde, e con máis de 5 meses aínda por diante, xa esgotamos a nosa cota de recursos biolóxicos da Terra do ano 2023.
Desenvolvemento sostible: a solución
Para acadar o obxectivo do IPCC da ONU de reducir as emisións de carbono nun 43 % en todo o mundo para 2030 en comparación con 2010, sería necesario atrasar o Día do Sobrecapacidade da Terra 19 días ao ano durante o próximos sete anos. É por isto que se precisa adoptar medidas xeneralizadas a nivel global para loitar contra esta destrución sistémica, buscando en todos os sectores a rexeneración sostible. Debemos atopar o modo de satisfacer as nosas necesidades actuais sen comprometer os recursos das xeracións futuras. O desenvolvemento sostible é o camiño a seguir.
Fonte: sostenibilidad.com
Imaxe: Pixabay