- Con este lema, o Proxecto LIBERA recorda a importancia de non abandonar residuos nas cunetas durante os desprazamentos estivais.
- A campaña, desenvolvida en colaboración coa DXT, acompáñase dun informe no que se recollen as consecuencias ambientais que conleva esta mala práctica, destacando o risco de incendios ocasionados por cabichas mal apagadas ou restos de cristais.
- A estes residuos súmanse agora grandes cantidades de luvas e máscaras desbotables que acaban na contorna en lugar de ser depositados en papeleiras ou no contedor verde convencional, xunto coa fracción resto.
Cerceda, a 9 de xullo de 2020.- Tras uns meses complexos marcados pola pandemia do COVID-19, entramos de cheo no verán e nas vacacións, abríndose a posibilidade de desprazarnos e de reconectar coa natureza. Neste novo escenario, emerxe a campaña do Proxecto LIBERA “Tirar basuraleza na estrada nunca leva a un bo lugar”, a través da cal recórdase a importancia de non abandonar residuos nas cunetas durante os nosos desprazamentos estivais.
A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), vai acompañada dun informe no que se recollen as consecuencias ambientais que conleva esta mala práctica, destacando o risco de incendios ocasionados por cabichas mal apagadas ou restos de cristais, así como o de inundacións, que se ve acrecentado pola acumulación de lixo nas vías de canalización da auga. Igualmente, o vertido de sustancias tóxicas nas beiravías (é o caso de termómetros ou baterías de coche), aínda que constitúe tan só un 6,6% dos refugallos abandonados, ten un alto impacto na contorna.
A estes residuos súmanse agora grandes cantidades de luvas e máscaras desbotables que acaban na contorna en lugar de ser depositados en papeleiras ou no contedor verde convencional, xunto coa fracción resto.
O informe atribúe aos condutores, nun 53% dos casos, e aos peatóns, nun 23%, a principal fonte deste lixo.
Como exemplo da magnitude do problema en España, LIBERA recorda que, durante unha batida organizada en xullo de 2019, recolléronse 275 kg de basuraleza en tan só unha hora e media de limpeza de 300 metros dunha cuneta da estrada BA-020, (Badajoz a Campomaior ). Entre os residuos atopados: 12 pneumáticos (107 kg), un colchón, 18 kg de madeira, 18 kg de arames, así como vidros, papeis e envases.
Fonte e imaxe: Ecoembes