- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente ao boletín corporativo deste mes de dedembro.
Un ano agridoce. Así cualificaría este 2023 que xa entra no seu tramo final.
Doce, porque conseguimos cumprir en prazo o encargo da Xunta de poñer en marcha unha rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, conformada por 4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia de apoio. Todo un reto que acadamos malia as numerosas trabas que nos atopamos no camiño, derivadas fundamentalmente da escaseza de materias primas, os altos prezos enerxéticos e unha elevada inflación que parece non decaer.
A esta rede, deseñada pola Xunta de Galicia para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a cumprir coa lexislación europea e que lles obriga a implantar a recollida diferenciada da materia orgánica antes do 31 de decembro de 2023, destinouse un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER-REACT como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.
E un ano amargo, porque as decisións do Goberno de España lesionaron seriamente as contas desta Sociedade pública autonómica: impostos á incineración e á vertedura que Sogama tivo que soportar directamente polo mero feito de levar a cabo un tratamento previo dos residuos co ánimo de recuperar todo aquilo que poida ser reciclable. Dado que neste proceso xeramos unha fracción de rexeitamentos, a norma cualifica esta entidade como produtora de refugallos. A pregunta que calquera pode facerse resulta obvia: teríamos saído beneficiados se, en lugar de separar a parte reciclable para enviar á industria transformadora, todo o residuo se tivese valorizado enerxeticamente? Todo apunta a que si. Onde está entón a aposta do goberno central polo principio dos tres erres?
Pois o resultado deste desatino é un impacto económico para as contas de Sogama de máis de 9,3 millóns de euros. Pero aínda hai máis, xa que o Estado tamén eliminou a retribución ao investimento na planta termoeléctrica e reduciu a correspondente á operación da planta de coxeración. En total, esta compañía deixará de percibir por estes dous últimos conceptos máis de 14 millóns de euros.
E todo apunta a que o Goberno non quedará aquí, senón que continuará asfixiando ás empresas que velan pola protección do medio ambiente a través da xestión sostible dos residuos, e farao baixo a denominada “transición ecolóxica e xusta”. Para quen?
Presidente
Javier Domínguez Lino