- Trátase dun recurso educativo e lúdico co que os visitantes teñen a oportunidade de poñer a proba o apreso durante a xornada formativa na propia entidade, pero dunha forma divertida e entretida
- A empresa pon ao dispor 4 máquinas de xogos para que un total de 8 xogadores por sesión (2 por máquina), compitan clasificando diferentes tipoloxías de residuos e os transporte ata a correspondente planta de tratamento
Cerceda, a 30 de xuño de 2023.- Sogama vén de estrear na súa sede de Cerceda (A Coruña) o xogo Arcade “Trash & Furious”, un recurso educativo e lúdico co que os visitantes teñen a oportunidade de poñer a proba o apreso durante a xornada formativa na propia entidade.
Na sala de recepción da empresa, escolares e adultos atoparán catro máquinas Arcade, pensadas para xogos curtos e entretidos, a fin que un total de 8 xogadores, 2 por máquina, compitan clasificando diferentes tipoloxías de residuos e transportándoos ata a correspondente planta de tratamento.
Dinámica
Cada máquina traballa cun tipo de contedor: amarelo (para envases de plástico, latas e briks), azul (para papel e cartón), marrón (para materia orgánica) e xenérico (para fracción resto). Mentres un dos xogadores selecciona os refugallos que circulan por unha cinta transportadora e arrástraos ao contedor correspondente, o compañeiro de equipo conduce un camión (alimentado por combustible ecolóxico) que os recolle por unha cidade e transporta ata unha planta de tratamento.
A parella que máis rápido seleccione os materiais e máis rápido transporte os seus residuos ao lugar de destino, acumulará máis puntos (por cada contedor cheo e transportado, 2 puntos). Pero se a selección non é correcta, a penalización será de 1 punto.
Xestión de imprevistos
Con todo, e con independencia dos puntos sumados por cada equipo, os participantes pódense atopar con sorpresas e imprevistos, xa que polas cintas circulan unha especie de balóns co logotipo de Sogama que poderán achegar vantaxes ou inconvenientes aos xogadores do resto das máquinas. As súas cintas transportadoras poderían moverse de forma moi rápida ou moi lenta, a velocidade do camión de recollida podería ser maior ou menor etc. É dicir, todo pode pasar nunha contorna no que determinadas variables se escapan do control dos participantes, polo que deben adaptarse a cada situación para saír o máis airosos posible.
Capacidades
Luces, sons e música enérxica contribúen a dar emoción a unha competición na que calquera persoa poderá contrastar o seu nivel de coñecementos sobre a recollida selectiva de residuos, así como a súa axilidade motora, a súa capacidade visual e os seus reflexos na condución, poñendo tamén a proba a súa coordinación cos compañeiros de equipo.
Con estes xogos, Sogama pretende dar unha dimensión máis lúdica ao seu programa de visitas, combinando a formación coa práctica do apreso, pero dunha forma amena, divertida e colaborativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación