- O concello decidiu comezar con 25 vivendas e ir ampliando progresivamente esta iniciativa a novas familias.
- A empresa pública xa subministrou os composteiros, así como manuais didácticos de apoio e impartiu igualmente un curso de formación presencial orientado aos veciños participantes.
- A día de hoxe, Sogama repartiu en toda Galicia, e de forma gratuíta, máis de 13.200 composteiros.
Cerceda, a 4 de marzo de 2020- O concello de Trazo (A Coruña) decidiu adscribirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama a fin de impulsar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e diminuír a cantidade de residuos que acaban no contedor verde convencional para o seu tratamento final no Complexo industrial de Sogama.
O ente local decidiu comezar con 25 vivendas e ir ampliando progresivamente a iniciativa a novas familias. Os composteiros a distribuír entre os participantes xa foron subministrados por Sogama. Con capacidade para 390 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e o seu obxectivo é facer máis cómodo, hixiénico e eficiente o proceso de fermentación controlada dos restos orgánicos a fin de convertelos en compost, un abono natural de alta calidade.
Con esta iniciativa, o ente local pretende recuperar unha práctica tradicional no rural galego, pero dotando aos usuarios dos medios necesarios para que a técnica se aplique con garantías e que o compost resultante reúna todos os requisitos de calidade para ser aplicado na agricultura con garantías e sen restricións.
A fin de que os veciños participantes tivesen a oportunidade de formarse correctamente, persoal de Sogama impartiu, o pasado 28 de febreiro, un curso presencial na localidade, que foi aproveitado para resolver dúbidas. Tamén se entregou ás familias manuais didácticos de apoio a través dos cales poderán ampliar coñecementos.
Adicionalmente, teñen á súa disposición unha páxina web www.compostaconsogama.gal na que atoparán recursos didácticos e divulgativos de interese.
Se ben Sogama aporta os medios, é o propio concello quen debe encargarse de realizar o seguimento do programa para garantir os seus bos resultados.
Un total de 344 entidades (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal esta empresa pública dependente da Xunta de Galicia repartiu máis de 13.200 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación