
- Sogama proporcionou ao Concello igual número de composteiros para que sexan distribuídos entre os veciños participantes
- Máis aló dos beneficios ambientais deste programa, o ente local tamén pode ver reducida a cantidade de residuos depositados no contedor xenérico, o que se traduce en menores custos
- Por outra banda, técnicos de Sogama impartiron en días pasados un curso presencial na localidade das Somozas para instruír aos usuarios no proceso de autoxestión da materia orgánica
Cerceda, ao 17 de marzo de 2025.- Un total de 30 novas familias súmanse ao programa de compostaxe doméstica implantado na Capela da man de Sogama. Con estas serán xa 60 as que disporán dun composteiro cedido pola empresa, con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables, a fin de facer o proceso máis cómodo, hixiénico e eficiente. Condición indispensable é que dispoñan de terreo (xardín, horta e/ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de reciclaxe da materia orgánica, que regresa ao solo para dar unha nova vida.
O composteiro debe situarse nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores. Pola súa banda, os usuarios deben realizar un control de toda a operativa, prestando especial atención ao que debe e non debe depositarse no recipiente, vixiar que a mestura entre fracción húmida e seca sexa equilibrada e prestar atención a parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Con isto poderán obter un compost de alta calidade e apto para ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Non obstante, e máis aló dos beneficios ambientais da autocompostaxe, o Concello pode ver reducida a cantidade de residuos depositados no contedor xenérico, o que se traduce en menores custos, tanto os propios de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, coma os correspondentes á facturación de Sogama.
Formación veciñal nas Somozas
Adicionalmente, cabe sinalar que, logo da adhesión do Concello de As Somozas a este programa, ao que se dotou con 50 composteiros, técnicos de Sogama impartiron en días pasados unha sesión presencial nesta localidade orientada aos participantes e na que se explicaron os pormenores do proceso, incidindo nas vantaxes que trae consigo a recuperación dunha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Saúdos, Departamento de Comunicación