- Así o propón a Platform on Sustainable Finance que, a petición da Comisión Europea, recolle no seu informe final unha serie de criterios técnicos para determinar que actividades do sector da construción contribúen substancialmente á economía circular
- Os edificios deberán estar compostos en alomenos un 50% de materiais reutilizados, reciclados ou de fontes responsables
- Este grupo de expertos contempla tamén que o 90% dos residuos non perigosos xerados nas obras, excluíndo terras, se preparen para reutilizarse ou reciclarse
Cerceda, a 26 de abril de 2022.- Os edificios, tanto novos como rehabilitados, deberán estar compostos en alomenos un 50%, en peso ou superficie dos seus elementos, de materiais reutilizados, reciclados ou de fontes responsables. Así o propón a Platform on Sustainable Finance que, a petición da Comisión Europea, recolle no seu informe final unha serie de criterios técnicos para determinar que actividades do sector da construción contribúen substancialmente á economía circular.
O documento, que non é oficial e que aínda debe ser analizado pola Comisión para presentar un acto delegado, especifica que, dese 50%, un 15% deben ser compoñentes reutilizados, outro 15% contidos reciclados e o 20% restante poderá ser reutilizado, reciclado ou de fontes responsables ou materiais renovables.
“O sector da construción, baseado no modelo dominante da economía lineal, require dunha profunda transformación cara a un modelo circular que permita alcanzar os obxectivos de descarbonización a 2050”, argumenta Dores Huerta, directora xeral de Green Building Council España ( GBCe).
CICLO DE VIDA
A Comisión Europea baralla tamén, a solicitude da Platform on Sustainable Finance, levar a cabo a análise de ciclo de vida do edificio ou das obras de rehabilitación con resultados públicos, usar técnicas e deseños adaptables, flexibles e desmontables que apoien a circularidade e conservar alomenos un 50% do edificio orixinal nas rehabilitacións.
Así mesmo, este grupo de expertos contempla que o 90% dos residuos non perigosos xerados nas obras, excluíndo terras, se preparen para reutilizarse ou reciclarse, que se usen ferramentas electrónicas para describir e almacenar nun formato dixital as características do edificio e que os seus compoñentes e materiais non conteñan amianto nin outras substancias perigosas.
Tal e como se recolle na nova Lei estatal de Residuos e Solos Contaminados para unha Economía Circular, desde xullo de 2022, os residuos da construción e demolición non perigosos deberán ser clasificados en madeira, fraccións de minerais, metais, vidro, plástico e xeso. Neste sentido, a demolición levarase a cabo preferiblemente de forma selectiva, e con carácter obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2024, garantindo a retirada destes materiais.
A norma recolle, ademais, no seu artigo 8, unha xerarquía de residuos que ten por obxecto conseguir o mellor resultado ambiental global, partindo da prevención.
ECODESEÑO
Igualmente, a lei contempla medidas para fomentar o deseño, a fabricación e o uso de produtos que sexan eficientes, duradeiros, fiables, reparables, reutilizables e actualizables.
“O sector da edificación é responsable en España do 30,1% do consumo de enerxía final e o 25,1% das emisións de carbono á atmosfera”, especifica Borja Izaola, experto de GBCe e coordinador do proxecto LIFE Levels.
Neste contexto, Bruxelas identificou un gran potencial na edificación para avanzar na sustentabilidade, para o que prevé modernizar o Regulamento de Produtos de Construción, vixente desde 2011.
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay