- O obxectivo destes proxectos integrados é axudar aos Estados membros a dar cumprimento á lexislación europea en seis ámbitos claves para a mellora da calidade de vida da cidadanía: natureza, auga, aire, residuos, mitigación do cambio climático e adaptación a este.
- Polo tanto, constitúen ferramentas de peso orientadas cara á consecución do Pacto Verde Europeo e a ambición da UE de converterse no primeiro continente climáticamente neutro de aquí a 2050.
- En vigor desde 1992, o Programa LIFE é o instrumento de financiamento da UE nos ámbitos do medio ambiente e a acción polo clima.. Para o próximo orzamento 2021-2027, a Comisión propón aumentar a dotación económica para este programa en case o 60 %.
Cerceda, a 17 de febreiro de 2020.- A Comisión Europea investirá 101,2 millóns euros en dez grandes proxectos enmarcados no Programa Life de Medio Ambiente e Acción polo Clima, contribuíndo así á transición de Europa cara a unha economía sostible. Estes proxectos levaranse a cabo en Chequia, Estonia, Irlanda, Grecia, España, Francia, Chipre, Letonia e Eslovaquia.
O obxectivo desta iniciativa é propiciar unha mellora da calidade de vida dos cidadáns ao axudar aos Estados membros a dar cumprimento á lexislación europea en seis ámbitos claves: natureza, auga, aire, residuos, mitigación do cambio climático e adaptación a este.
Adicionalmente, estes proxectos integrados apoian a aplicación da lexislación medioambiental e climática de xeito coordinado e a gran escala territorial, aproveitando o financiamento procedente doutras fontes da UE, os axentes nacionais e rexionais e os inversores privados. Constitúen así elementos de peso orientados cara á consecución do Pacto Verde Europeo e a ambición da UE de converterse no primeiro continente climáticamente neutro de aquí a 2050.
Prevese que os investimentos do programa LIFE mobilicen máis de 6 500 millóns de euros de fondos complementarios, xa que os Estados membros tamén poden utilizar outras fontes de financiamento da UE, incluídos os fondos agrícolas, rexionais e estruturais, Horizonte 2020, os fondos nacionais e o investimento do sector privado.
Así mesmo, axudarán a restaurar e a conservar os ecosistemas e as especies dos que todos dependemos, a avanzar cara a unha economía circular, a mellorar a calidade do aire e da auga, a impulsar as finanzas sostibles e a aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático en Europa.
SOBRE O PROGRAMA LIFE
O Programa LIFE é o instrumento de financiamento da UE nos ámbitos do medio ambiente e a acción polo clima. En vigor desde 1992, cofinanciou máis de 5.400 proxectos NA UE e en terceiros países.
En todo momento están en curso uns 1.100 proxectos. O orzamento para o período 2014-2020 ascende a 3.400 millóns de euros. En 2014 introducíronse proxectos integrados LIFE para axudar aos Estados membros a cumprir a lexislación máis importante da UE en materia de medio ambiente, natureza e clima. Para o próximo orzamento da UE a longo prazo (2021-2027), a Comisión propón aumentar o financiamento para o programa LIFE en case o 60 %.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación