- Quere converterse no primeiro bloque climaticamente neutro do mundo de aquí a 2050.
- Este plan mobilizará o investimento público e contribuirá ao desbloqueo de fondos privados a través dos instrumentos financeiros da UE, o que podería traducirse nun mínimo dun billón de euros.
- Como complemento doutras iniciativas anunciadas no marco do Pacto Verde, o Plan baséase en tres dimensións: Financiamento, Capacitación e Apoio práctico.
- Pola súa banda, o Mecanismo para unha Transición Xusta proporciona apoio específico para contribuír á mobilización dun mínimo de 100 000 millóns de euros durante o período 2021-2027 nas rexións máis afectadas co fin de mitigar o impacto socioeconómico da transición.
Cerceda, a 16 de xaneiro de 2020.- A Unión Europea quere converterse no primeiro bloque climaticamente neutro do mundo de aquí a 2050, un reto que esixe considerables investimentos, tanto da propia UE coma do sector público nacional e do sector privado.
O Plan de Investimentos do Pacto Verde Europeo, presentado o pasado martes, mobilizará o investimento público e contribuirá ao desbloqueo de fondos privados a través dos instrumentos financeiros da UE, o que podería traducirse nun mínimo dun billón de euros de investimentos.
Se ben o conxunto dos Estados membros, rexións e sectores terán que contribuír á transición, a magnitude do reto non é a mesma para todos, xa que algunhas rexións veranse especialmente afectadas e experimentarán unha profunda transformación económica e social.
ALCANCE
Como complemento doutras iniciativas anunciadas no marco do Pacto Verde, o Plan baséase en tres dimensións: Financiamento, mediante a mobilización dun mínimo dun billón de euros de investimentos sostibles na próxima década, circunstancia que atraerá o financiamento privado, desempeñando un papel clave o Banco Europeo de Investimentos; Capacitación, a través da achega de incentivos para desbloquear e reorientar os investimentos públicos e privados; Apoio práctico ás autoridades públicas e aos promotores de proxectos con vistas á planificación, deseño e execución de proxectos sostibles.
MECANISMO PARA UNHA TRANSICIÓN XUSTA
O Mecanismo para unha Transición Xusta proporciona axuda específica para contribuír á mobilización dun mínimo de 100 000 millóns de euros durante o período 2021-2027 nas rexións máis afectadas co fin de mitigar o impacto socioeconómico da transición. Constará de tres fontes principais de financiamento:
* O Fondo de Transición Xusta, que recibirá 7 500 millóns de euros de novos fondos da UE, ademais da proposta da Comisión para o próximo orzamento a longo prazo da UE.
* O Réxime de transición específico con cargo a InvestEU, que mobilizará investimentos por un importe de ata 45 000 millóns de euros.
* O mecanismo de préstamos ao sector público do Banco Europeo de Investimentos apoiado polo orzamento da UE, que mobilizará entre 25 000 e 30 000 millóns de euros en investimentos e que servirá para conceder préstamos ao sector público. A Comisión presentará unha proposta lexislativa para a súa creación en marzo de 2020.
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación