- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa do presente mes de setembro https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2022/09/Newsletter...
O pasado 7 de xuño, 48 horas despois da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, Sogama celebraba o seu 30 aniversario e facíao rodeada dos seus máis achegados (representantes políticos, empresariais, sociais, educativos, medios de comunicación e traballadores). Tratábase dun humilde evento cunha gran carga histórica, humana e emocional, xa que non debe esquecerse que foi o labor, a ilusión, o entusiasmo e o bo facer de todos os que conformaron esta entidade pública en cada momento, os que a fixeron grande; unha grandeza que conseguiu colocala no pódium europeo das plantas de xestión e tratamento de residuos máis eficientes do continente e modelo a seguir por outros países da contorna comunitaria e resto do mundo.
Sogama é, de seu, un claro exemplo da política ambiental da Xunta de Galicia. O rigoroso cumprimento da lei, o control e vixilancia do seu cometido, e o esforzo incansable para coidar e protexer día tras día o medio ambiente e a saúde das persoas, constitúen as principais razóns que guían a súa actividade; un esforzo que non só entende de presente, senón que constitúe un investimento de futuro para que as próximas xeracións poidan gozar dun digno benestar e unha maior calidade de vida.
Desde aquel mes de abril de 1992, data na que se creou Sogama, transcorreron, nin máis nin menos, que 30 anos nos que a xestión dos residuos urbanos na nosa comunidade viuse transformada na súa integridade. Dun sistema asentado prioritariamente no vertedoiro, evolucionamos cara ao que, desde hai anos, primou nos países europeos máis desenvolvidos e comprometidos co medio ambiente, e que non é outro que aquel que pivota sobre a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), complementado coa recuperación enerxética da parte non reciclable. Con isto conséguese relegar o vertido, a peor das opcións, a mínimos.
E esta xestión, que ben podería cualificarse de pura sensatez, choca cos posicionamentos de determinados grupos políticos e/ou ecoloxistas, utilizando para iso un discurso ancorado na década dos 90 que recomendamos actualizar, pois resulta paradoxal e incomprensible que rexeiten a transformación dos residuos non reciclables en enerxía eléctrica, un ben extraordinariamente valioso, e máis aínda no actual escenario de crise enerxética, e non cuestionen que o potencial enerxético dos refugallos acabe enterrado nun vertedoiro, co consecuente risco ambiental.
Aínda queda moita tarefa por diante, pero é irrefutable que, malia as circunstancias, conseguimos que unha boa parte da poboación coñeza a realidade de Sogama sen filtros e con total transparencia.
O permanente aval e apoio da Unión Europea, a confianza depositada no sistema por parte dos 295 concellos galegos que utilizan os servizos desta compañía, o compromiso e profesionalidade de todos os seus traballadores, a firme aposta pola innovación industrial e os recursos investidos en educación ambiental, fixeron posible que Sogama sexa moito máis que unha planta de tratamento de residuos. Por riba de todo, é a Sociedade Galega do Medio Ambiente.
Presidente executivo
Javier Domínguez Lino