- Elaborado polo Instituto Chatham House, co apoio do PNUMA e a organización Compassión in World Farming, pide unha reforma urxente dos sistemas alimentarios a través de tres accións interdependentes: cambiar os patróns alimentarios globais, conservar áreas exclusivamente silvestres e cultivar dunha maneira máis amigable coa natureza.
Cerceda, a 22 de febrero de 2021.– Un novo informe do instituto Chatham House, que leva por título “Impactos do sistema alimentario na perda de biodiversidade”, e que foi apoiado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e a organización Compassion in World Farming, apela á necesidade de transformar os sistemas alimentarios para frear a perda de biodiversidade. Con tal fin, describe tres accións interdependentes:
En primeiro lugar, avanzar cara a dietas máis ricas en vexetais. Este cambio, xunto coa redución do desperdicio mundial de alimentos, diminuiría a demanda e a presión sobre o medio ambiente e a terra, beneficiaría a saúde das poboacións de todo o mundo e axudaría a minimizar o risco de pandemias.
En segundo lugar, protexer máis terras e preservar áreas exclusivamente silvestres. As modificacións na dieta humana son esenciais para preservar os ecosistemas nativos existentes e restaurar aqueles que foron eliminados ou degradados.
En terceiro lugar, cultivar dunha maneira máis respectuosa coa natureza, limitando o uso de insumos e substituíndo o monocultivo con prácticas agrícolas de policultivo.
Segundo os autores do documento, o sistema alimentario global é o principal impulsor da perda de biodiversidade, do cambio climático e é responsable de ao redor de 30% do total de emisións producidas polo home.
Nas últimas décadas, os sistemas alimentarios seguiron o paradigma de producir máis alimentos a menor custo mediante o aumento no uso de insumos como fertilizantes, pesticidas, enerxía, terra e auga. Este modelo conduce a un círculo vicioso: o menor custo de produción crea unha maior demanda de alimentos que tamén deben producirse a un baixo custo a través dunha maior intensificación e un maior desmonte de terras.
O cambio dietético é necesario para devolver a terra á natureza e permitir a adopción xeneralizada dunha agricultura amigable co medio ambiente. Canto máis se adopte esta primeira acción, máis marxe haberá para as outras dúas recomendacións.
Os achados e consellos do novo estudo de Chatham House presentáronse durante un evento en liña que incluíu oradores das organizacións involucradas, así como a primatóloga Jane Goodall, fundadora do Instituto Jane Goodall e Mensaxeira da Paz das Nacións Unidas.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels