- Estas medidas son: obrigar a que os novos produtos se fabriquen cun 40% de plástico reciclado posconsumo; limitar a produción de plástico novo aos niveis de 2020; investir significativamente na xestión de residuos plásticos e aplicar unha pequena taxa aos envases fabricados con este material
- O estudo preséntase xusto antes das negociacións que terán lugar en Busan e advirte que, de non tomar medidas, o consumo anual de plástico aumentará un 37% entre 2020 e 2050, e a contaminación por plásticos case se duplicará no mesmo período
Cerceda, a 18 de novembro de 2024.- Un estudo realizado por investigadores da Universidade de California en Berkeley e a Universidade de California en Santa Bárbara, e publicado na revista Science, determina que a implementación de tan só catro políticas poden reducir nun 91% os residuos plásticos mal xestionados -plástico que non se recicla nin se elimina axeitadamente e acaba contaminando- e nun terzo os gases de efecto invernadoiro relacionados co plástico.
Estas políticas son: obrigar a que os novos produtos se fabriquen cun 40% de plástico reciclado posconsumo; limitar a produción de plástico novo aos niveis de 2020; investir significativamente na xestión de residuos plásticos, coma os servizos de recollida separada, e aplicar unha pequena taxa aos envases de plástico.
Este paquete de políticas tamén achegaría beneficios climáticos, reducindo as emisións equivalentes a retirar da circulación 300 millóns de vehículos de gasolina durante un ano.
O estudo preséntase xusto antes das negociacións que terán lugar do 25 de novembro ao 1 de decembro en Busan (República de Corea), onde se agarda que os delegados de máis de 190 países definan os últimos detalles do primeiro tratado xuridicamente vinculante do mundo sobre a contaminación por plásticos.
Se non se toman medidas en Busan, o consumo anual de plástico aumentará un 37% entre 2020 e 2050, e a contaminación por plásticos case se duplicará no mesmo período.
Segundo os investigadores, de seguir como ata o de agora, o mundo xeraría suficiente lixo entre 2011 e 2050 para cubrir Manhattan cunha montaña de plástico dunha altura dez veces superior á do Empire State Building.
Nun futuro sen cambios, as emisións de gases de efecto invernadoiro relacionadas co plástico dispararíanse un 37% con respecto aos niveis de 2020, ata alcanzar 3,35 gigatoneladas de dióxido de carbono equivalente en 2050, o que corresponde ao funcionamento de case 9.000 centrais eléctricas de gas natural durante un ano ou ao consumo enerxético de máis de 436 millóns de fogares no mesmo período.
Os países do Sur Global seguirán soportando a maior carga da crise do plástico. Os mecanismos de financiamento creados no Tratado poderían impulsar investimentos moi necesarios en infraestruturas de xestión de residuos e reciclaxe nestas rexións para reducir a contaminación por plástico, axudando así a resolver un importante problema de xustiza ambiental mundial.
O estudo baséase nos coñecementos dunha ferramenta xerada por IA e desenvolvida por un equipo de investigadores do plástico, científicos de datos e investigadores de IA da UC Santa Bárbara e a UC Berkeley. A ferramenta utiliza a aprendizaxe automática para combinar información sobre o crecemento demográfico e as tendencias económicas co fin de prever o futuro da produción, a contaminación e o comercio de plásticos.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay