- Son o polietileno, o polipropileno e o poliestireno, tal e como se recolle nun novo traballo publicado na revista Marine Pollution Bulletin por investigadores da Facultade de Ciencias da Terra da Universidade de Barcelona.
- O estudo contemplou a análise de preto de 2.500 mostras de materiais plásticos obtidos en diferentes campañas oceanográficas.
- No mesmo sinálase que as circunstancias dos microplásticos atopados podería indicar un estado de degradación avanzado e, polo tanto, unha longa permanencia no medio mariño.
- Descríbese por primeira vez o potencial dos microplásticos para integrarse nos agregados orgánicos mariños, formados por partículas de orixe orgánica e minerais.
Cerceda, a 25 de marzo de 2019.- Segundo un novo traballo publicado na revista Marine Pollution Bulletin por investigadores da Facultade de Ciencias da Terra da Universidade de Barcelona, o polietileno, o polipropileno e o poliestireno son os tipos de microplásticos máis abundantes nas augas costeiras do Mediterráneo, sendo tamén abundantes os polímeros de nylon, o poliuretano (PUR), o polietileno tereftalato (PET), o etilvinilacetato (EVA), o policloruro de vinilo (PVC), o crilonitril butadieno estireno (ABS) e polímeros fluorocarbonados.
A investigación contemplou a análise de preto de 2.500 mostras de materiais plásticos obtidos en diferentes campañas oceanográficas ao longo dun eixe norte-sur en cada unha das áreas de estudo.
Ata o momento, ningunha investigación científica puido verificar con detalle o tempo de permanencia do plástico no mar antes de que se degrade ou quede enterrado. Non obstante, este estudo sinala que os microplásticos atopados nas costas mediterráneas peninsulares son redondeados, de tamaño moi pequeno (en torno a un milímetro) e de baixo peso específico, circunstancia que podería indicar un estado de degradación avanzado e, polo tanto, unha longa permanencia no medio mariño.
Identifícanse lugares no litoral peninsular con concentracións máximas de ata 500.000 microplásticos por quilómetro cadrado, un valor moi superior ao medio, que é de 100.000 mp/km2.
Dado que os plásticos non sempre teñen a mesma composición, é difícil precisar o seu destino final no medio mariño. Non obstante, o estudo describe por primeira vez o potencial dos microplásticos, especialmente dos máis pequenos de forma angular, para integrarse nos agregados orgánicos mariños, formados por partículas de orixe orgánica e minerais. Un 40% dos microplásticos (en cantidade) e un 25% (en masa) poden formar estes agregados mariños; un proceso que podería facilitar o afundimento e acumulación dos microplásticos pouco densos nos fondos mariños e, polo tanto, lonxe da luz ultravioleta da radiación solar, único axente capaz de degradalos.
AMEAZA PARA OS ECOSISTEMAS MARIÑOS
Os plásticos que flotan na superficie do mar son inxeridos a miúdo polos organismos mariños, que os confunden con alimento. O zooplancton ata é capaz de inxerir microplásticos e expulsalos en forma de pélets fecais que poden alcanzar os grandes fondos mariños.
Aparte dos aditivos que xa conteñen de seu, os microplásticos poden incorporar á cadea trófica compostos tóxicos presentes na auga mariña (metais, bifenilos policlorados, contaminantes orgánicos e outros). Transportados polas correntes mariñas, estes materiais plásticos tamén poden converterse en vehículos de dispersión de especies invasoras e organismos patóxenos.
Fonte: Universidade de Barcelona
Imaxe: Pixabay
https://www.ub.edu/web/ub/é/menu_eines/noticies/2019/02/048.html
Saúdos, Departamento de Comunicación