- O documento aporta evidencias sobre o progresivo incremento da demanda de alimentos nos diferentes países da UE e propón, entre outras cuestións, “cambiar o modelo de consumo lineal de masa a unha economía máis circular, aínda que isto supoña unha modificación de hábitos, normas e rutinas para a cidadanía”.
Cerceda, a 6 de maio de 2020.- O sistema alimentario europeo actual require unha transformación radical para que os seus compoñentes sociais, económicos e ecolóxicos sexan sostibles a longo prazo. Esta é unha das conclusións do informe A sustainable food System for the European Union, que publicou recentemente o Asesoramento Científico para a Política das Academias Europeas (SAPEA, polas súas siglas en inglés).
O documento aporta evidencias sobre o progresivo incremento da demanda de alimentos nos diferentes países da Unión Europea, e a necesidade de desenvolver un novo modelo agroalimentario.
Propón, entre outras cuestións, “aumentar a produtividade de xeito sostible e cambiar o modelo de consumo lineal de masa a unha economía máis circular, aínda que isto supoña unha modificación de hábitos, normas e rutinas para a cidadanía”. Así o explica Marta Rivera, directora da Cátedra de Agroecoloxía e Sistemas Alimentarios da Universitat de Vic-Universitat Central de Catalunya (UVic-UCC), que figura como única investigadora de España.
Os investigadores indican que “este tipo de cambios en condutas arraigadas deben producirse colectivamente, precisando medidas no ámbito local, pero tamén no nacional e no internacional”.
Para os expertos a evidencia científica demostra que a fiscalidade é un dos xeitos máis efectivos para modificar o comportamento da cidadanía, podendo ter tamén un impacto positivo a acreditación e o etiquetado dos produtos. De aí que conclúan que unha reforma das políticas europeas de agricultura e pesca ofrecería grandes oportunidades para desenvolver resiliencia e sostibilidade.
Non obstante, o informe de SAPEA advirte que aínda non hai suficientes evidencias para saber con exactitude que impacto terían estas accións na práctica, polo que se teñen que valorar detidamente antes de ser aplicadas.
Recordan tamén que os sistemas alimentarios contribúen significativamente ás emisións de gases de efecto invernadoiro. O cambio de sistema podería contribuír á redución destes gases.
Fonte: mundoagropecuario.com
Imaxe: Pixabay