- O Compromiso Global pola Nova Economía do Plástico, lanzado fai un ano, conta coa adhesión de máis de 400 organizacións que anunciaron a adopción de medidas para que todos os empaques de plástico sexan 100% reutilizables, reciclables ou compostables en 2025.
- Os firmantes, entre os que figuran diversos países e cidades, atópanse instaurando diversas políticas que van desde a contratación pública e os esquemas de responsabilidade estendida do produtor ata campañas de sensibilización pública, así como medidas fiscais e incentivos para a investigación e o desenvolvemento.
- Se ben se están a realizar importantes avances, o informe advirte que se debe traballar tamén no ámbito da innovación, o redeseño da cadea de subministración e produtos, e os novos modelos de negocio.
Cerceda, a 5 de novembro de 2019.- Segundo un novo informe elaborado pola Fundación Ellen MacArthur, en colaboración co Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP),un ano despois do lanzamento do Compromiso Global pola Nova Economía do Plástico, que promove unha economía circular para este material, constátanse avances na redución da contaminación por plásticos.
Este Compromiso conta coa adhesión de máis de 400 organizacións comprometidas coa eliminación de empaques de plástico problemáticos e innecesarios, e coa innovación para que todos os empaques de plástico sexan 100% reutilizables, reciclables ou compostables, e circulen de xeito seguro e fácil para evitar converterse en residuos ou contaminación[P1] .
Quintuplicar o uso de plástico reciclado en empaques para 2025 é un dos compromisos adquiridos. Hai compañías que xa anunciaron medidas. É o caso de Unilever, comprometida en reducir á metade o uso de plástico virxe en envases en 2025, mentres que Mars Incorporated acometerá reducións do 25% e PepsiCo do 20%.
Así mesmo, cabe destacar que, ao redor do 70% dos sinatarios do Compromiso Global, xa están eliminando as palliñas dun só uso, as bolsas e os plásticos de carbono negro, e, ao redor do 80%, o PVC dos seus envases.
MÁIS ALÓ DA RECICLAXE
Os firmantes do Compromiso Global, entre os que figuran diversos países e cidades, atópanse instaurando diversas políticas que van desde a contratación pública e os esquemas de responsabilidade estendida do produtor ata campañas de sensibilización pública, así como medidas fiscais e incentivos para a investigación e o desenvolvemento.
A análise realizada neste último informe evidencia que, aproximadamente o 60% dos empaques de plástico das empresas adscritas ao compromiso, son reutilizables, reciclables ou compostables, comprometéndose a alcanzar o 100% para 2025. Para ese ano, a demanda total dos sinatarios de contido reciclado en empaques será de máis de 5 millóns de toneladas anuais.
Se ben se están a realizar importantes avances para lograr estes obxectivos, débense desenvolver máis programas de investimento, innovación e transformación, xa que, abordar os refugallos plásticos e a contaminación producida por estes, significa ir máis aló da reciclaxe e eliminación dos empaques problemáticos, debendo traballar no ámbito da innovación, o redeseño da cadea de subministración e produtos, e os novos modelos de negocio.
O próximo informe de progreso do Compromiso Global publicarase no outono de 2020, e cada ano ata 2025.
Fonte: UNEP
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación