- O peso equivale aproximadamente a 23 millóns de camións de 40 toneladas completamente cargados, suficiente para dar sete voltas á Terra.
- A meirande parte deste desperdicio provén dos fogares, que descartan o 11% do total de alimentos dispoñibles na etapa de consumo.
- A meta 12.3 dos ODS busca reducir á metade o desperdicio mundial de alimentos per cápita para 2030 e diminuír as perdas ao longo das cadeas de produción e subministración.
Cerceda, a 5 de marzo de 2021 – Unha investigación da ONU estima que, en 2019, desperdiciáronse 931 millóns de toneladas de alimentos, acabando no cubo do lixo dos fogares, comerciantes polo miúdo, restaurantes e outros servizos o 17% do total de alimentos dispoñibles. O peso equivale aproximadamente a 23 millóns de camións de 40 toneladas completamente cargados, suficiente para dar sete voltas á Terra.
O informe indica que a meirande parte deste desperdicio provén dos fogares, que descartan o 11% do total de alimentos dispoñibles na etapa de consumo. Pola súa banda, os servizos de alimentación e os establecementos comerciais polo miúdo desperdician o 5% e o 2%, respectivamente.
O desperdicio de alimentos ten importantes efectos ambientais, sociais e económicos. De feito, entre o 8% e o 10% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro están asociadas con alimentos que non se consumen, se se teñen en conta as perdas que se producen antes do nivel do consumidor.
Con 690 millóns de persoas afectadas pola fame en 2019, un número que se agarda aumente drasticamente coa COVID-19, e 3.000 millóns de persoas que non poden pagar unha dieta saudable, os consumidores necesitan apoio para reducir o desperdicio de alimentos no fogar.
Os países poden aumentar a ambición climática ao incluír o desperdicio de alimentos nas Contribucións Determinadas a Nivel Nacional de cara ao Acordo de París, á vez que fortalecen a seguridade alimentaria e reducen os custos para os fogares. Nese sentido, a prevención é tamén unha área crucial para a súa inclusión nas estratexias de recuperación da COVID-19.
UN PROBLEMA GLOBAL
O desperdicio alimentario é un problema global, non só do mundo desenvolvido. A meta 12.3 dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) busca reducir á metade, para 2030, o desperdicio mundial de alimentos per cápita a nivel dos comerciantes polo miúdo e consumidores, así como diminuír as perdas ao longo das cadeas de produción e subministración.
Para aproveitar o traballo do informe, o PNUMA lanzará grupos de traballo rexionais coa pretensión de axudar a desenvolver as capacidades dos países para medir o desperdicio de alimentos antes da próxima rolda de informes do ODS 12.3 (que terá lugar a finais de 2022), e axudalos a desenvolver liñas de base nacionais para rastrexar o progreso cara á meta de 2030.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels