- A contaminación plástica nos ecosistemas acuáticos creceu considerablemente nos últimos anos e prevese que se duplique para 2030, con consecuencias nefastas para a saúde, a economía, a biodiversidade e o clima.
- O documento destaca que o plástico representa o 85% dos residuos que chegan aos océanos e advirte que, para 2040, os volumes deste material que fluirán cara ao mar case se triplicarán, cunha cantidade anual de entre 23 e 37 millóns de toneladas.
Cerceda, a 4 de novembro de 2021 .– Tal e como se recolle nun exhaustivo informe publicado recentemente polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente ( PNUMA) e que leva por título “Da contaminación á solución: unha avaliación global do lixo mariño e a contaminación por plásticos”, a contaminación plástica nos ecosistemas acuáticos creceu considerablemente nos últimos anos e prevese que se duplique para 2030, con consecuencias nefastas para a saúde, a economía, a biodiversidade e o clima.
O estudo, publicado dez días antes da 26º Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP26), salienta que os plásticos tamén son un problema climático. Utilizando unha análise do ciclo de vida, estimouse que, en 2015, os plásticos estiveron relacionados coa produción de 1,7 igatoneladas de CO2 equivalente ( GtCO2e), e proxéctase que, para 2050, esta cifra aumente a aproximadamente 6,5 GtCO2e —15% do orzamento mundial de carbono—.
Así mesmo, destaca que o plástico representa o 85% dos residuos que chegan aos océanos e advirte que, para 2040, os volumes deste material que fluirán cara ao mar case se triplicarán, cunha cantidade anual de entre 23 e 37 millóns de toneladas. Isto significa ao redor de 50 kg de plástico por metro de costa en todo o mundo.
RISCOS PARA TODAS AS ESPECIES, INCLUÍDA A HUMANA
En consecuencia, todas as especies mariñas, desde o plancton e os moluscos, ata as aves, as tartarugas e os mamíferos, enfróntanse a riscos de intoxicación, trastornos do comportamento, inanición e asfixia. Pola súa banda, os corais, os manglares e os pastos mariños están sufocados por refugallos plásticos que lles impiden recibir osíxeno e luz.
Tamén o corpo humano é vulnerable, xa que os plásticos son inxeridos a través dos produtos do mar, bebidas e mesmo o sal común, penetran na pel e poden ser inhalados cando están suspendidos no aire.
O informe pon de manifesto que a contaminación por plásticos é unha ameaza crecente en todos os ecosistemas, desde onde se orixina a contaminación ata o mar. Recalca que, aínda que se ben se dispoñen dos coñecementos, necesítase a vontade política e a acción urxente dos gobernos para abordar esta crise que vai en aumento.
Este documento alimentará os debates na Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (NEA 5.2) en marzo de 2022, cando os países reuniranse para decidir o camiño que debe seguir a cooperación global nesta materia.
Ademais, o lixo mariño e a contaminación por plásticos afectan á economía mundial. Os custos que carrexa no turismo, a pesca, a acuicultura e outras actividades, como as limpezas, estimáronse en US$ 6.000-19.000 millóns en 2018.
O informe pide unha redución inmediata dos plásticos, fomentar unha transformación en toda a cadea de valor e reforzar os investimentos en sistemas de vixilancia moito máis integrais e efectivos para identificar as orixes, a escala e o destino do plástico, así como o desenvolvemento dun marco de risco, que actualmente falta a nivel mundial.
No apartado de conclusións, alúdese a que é necesario un cambio cara a enfoques circulares, incluíndo prácticas sostibles de consumo e produción, o desenvolvemento e a adopción rápida de alternativas por parte das empresas, e unha maior conciencia do consumidor para propiciar eleccións máis responsables.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels