- Foi elaborado conxuntamente polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, o Instituto para as Estratexias Ambientais Globais e o Centro Internacional de Tecnoloxía Ambiental.
- No mesmo proporciónanse recomendacións sobre como mellorar a xestión de refugallos a longo prazo, prestando especial atención aos países e cidades en desenvolvemento que poden carecer actualmente dun tratamento de lixo axeitado.
Cerceda, a 8 de setembro de 2020.- Se ben no marco da crise do COVID-19 os esforzos dos países céntranse especialmente en preservar a vida das persoas e minimizar o impacto da pandemia na economía, a correcta xestión dos refugallos tamén debe considerarse un factor esencial co fin de minimizar os riscos para a saúde humana e ambiental.
Así se recolle na nova publicación que, baixo o título Xestión de residuos durante a pandemia de COVID-19: da resposta á recuperación, foi elaborada conxuntamente polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, o Instituto para as Estratexias Ambientais Globais e o Centro Internacional de Tecnoloxía Ambiental co fin de revisar as prácticas actuais de xestión de refugallos en instalacións de atención médica, fogares e lugares de corentena que aloxan a persoas con casos confirmados ou sospeitosos de coronavirus.
Neste informe identifícanse as mellores prácticas e tecnoloxías na materia e proporciónanse recomendacións, tanto para profesionais como para os responsables da formulación de políticas, sobre como mellorar a xestión de refugallos a longo prazo.
Tras recabar datos a partir de numerosas consultas, o documento presta especial atención aos países e cidades en desenvolvemento que poden carecer actualmente dunha xestión de lixo axeitada.
Conscientes das súas limitacións, identifícanse prácticas que son operativa e tecnicamente plausibles e inclúense formas de adaptar os protocolos existentes, tanto nas etapas de emerxencia como de recuperación.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay