- Ante as dúbidas xeradas polo Regulamento de Taxonomía da UE, a FEAD solicitou unha análise xurídica sobre o papel da valorización enerxética dos residuos non reciclables na economía circular.
Cerceda, a 20 de outubro de 2020.- A recuperación de enerxía a partir dos residuos non reciclables constitúe unha vía para facer un mellor uso dos recursos contidos nos refugallos e desempeña un importante papel na economía circular como paso previo ao vertido. Con todo, o papel da valorización enerxética de residuos no contexto das disposicións do Regulamento de Investimentos Sostibles da UE (máis coñecido como Regulamento de Taxonomía), que entrou en vigor o pasado 12 de xullo, non está claro.
É por isto que a Federación Europea de Xestión de Residuos e Servizos Ambientais (FEAD) encargou á consultora PricewaterhouseCoopers (PWC) unha análise e interpretación legal do Regulamento de Taxonomía para comprobar se a valorización enerxética de residuos (WtE), cumprindo os criterios de eficiencia enerxética R1, pode ser considerada unha actividade económica ambientalmente sostible. Esta aclaración é necesaria antes da definición detallada de «actividades sostibles» e «investimentos verdes» na futura taxonomía.
A análise xurídica utilizou todos os métodos aplicados para interpretar as disposicións da lexislación da UE e concluíu que (a) a incineración de residuos debe considerarse de xeito diferenciado, (b) debe facerse unha distinción entre incineración para eliminación e incineración para valorización enerxética (R1), e que (c) a valorización enerxética de residuos (R1) é coherente coa economía circular, ao tempo que cumpre outros obxectivos medioambientais, sempre que se axuste á xerarquía de residuos. Polo tanto, a valorización enerxética dos residuos non reciclables debe considerarse unha actividade económica medioambientalmente sostible.
O presidente da FEAD, Peter Kurth, destacou ao respecto que «ao desviar os residuos non reciclables dos vertederos, garantir o seu tratamento ecolóxico e evitar o uso de combustibles fósiles, a conversión de residuos en enerxía (segundo os criterios R1) é unha actividade clave para unha maior reciclaxe e aforro de emisións de CO2. A análise xurídica está en consonancia cos feitos».
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Aeversu