- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa do mes de outubro.
Desde o inicio da pandemia do COVID-19, os meses sucedéronse con altibaixos que, inevitablemente, tiveron unha gran incidencia nas nosas vidas: na saúde, o traballo, a economía, a familia, as relacións sociais, etc.
As circunstancias golpearon con crueza aos cidadáns e agora toca abordar un novo curso no que debemos dar o mellor de nós para amortecer, na medida do posible, o impacto dunha crise sanitaria sen precedentes que, probablemente, modificase a forma de ver o mundo, poñendo o foco de atención sobre a importancia que ten coidar o medio ambiente e a saúde para garantir o benestar da poboación.
Sogama seguirá traballando, se cabe con máis intensidade que nunca, para contribuír a unha contorna máis limpa e sostible, para formar aos distintos colectivos sociais na correcta xestión dos residuos urbanos e, por suposto, para apoiar o proceso de reactivación económica da comunidade galega. Este é o noso compromiso e ao mesmo destinaremos toda a nosa enerxía.
A colaboración faise hoxe imprescindible. Porque só sumando coñecementos e esforzos, lograremos superar esta situación e perfilar un futuro con maiores garantías.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente continuará velando polo benestar dos galegos a través dun servizo público que pretende alcanzar a excelencia. Potenciar a reciclaxe e minimizar o vertido constitúen os dous principais obxectivos da nosa folla de ruta industrial porque sabemos que sobre estes dous elementos pivota en boa medida o desenvolvemento sostible. Tamén está no noso plan de acción apoiar a innovación e procurar que en Galicia se peche o ciclo de aproveitamento dos materiais contidos no lixo, propiciando con iso a creación de emprego e riqueza.
A economía circular eríxese nunha prioridade e a nosa función circunscríbese ao tratamento dos residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego para convertelos en recursos; ben en novos produtos, a través da reciclaxe, ben en electricidade, a través da valorización enerxética da parte non reciclable.
O espírito de Sogama segue sendo o mesmo que propiciou a súa creación hai 28 anos, pero o impacto da pandemia levounos a querer facer máis en menos tempo.
Comezamos o capítulo da recuperación con enerxías renovadas, confiando en contar co apoio do conxunto da sociedade.
Presidente
Javier Domínguez Lino