- Con tal fin, a Dirección do BCE recadará fondos de inversores públicos e privados, cun volume de 250 millóns de euros.
- O obxectivo do Fondo Europeo de Bioeconomía Circular (ECBF), que se establecerá en Luxemburgo, é cubrir un déficit de financiación na (bio)economía europea, aportando ao mercado a excelente experiencia de Europa en tecnoloxías circulares.
Cerceda, a 10 de decembro de 2019.- Un novo fondo europeo proporcionará acceso a financiación a empresas innovadoras de bioeconomía circular e a proxectos de diversa envergadura. Neste marco, a Dirección do BCE (Banco Central Europeo) recadará fondos de inversores públicos e privados, cun volume de 250 millóns de euros.
O Consello de Administración do Banco Europeo de Investimentos (BEI) someterá a aprobación unha proposta para que esta entidade invista ata 100 millóns de euros no fondo. A operación estará respaldada por unha garantía de InnovFin, iniciativa do Grupo BEI e da Comisión Europea para facilitar o acceso á financiación da innovación e a investigación a través dunha ampla gama de ferramentas financeiras e servicios de asesoramento.
A CE e o BEI xa anunciaron a finalización do proceso de contratación pública para a selección dun asesor de investimentos que creará e xestionará o Fondo Europeo de Bioeconomía Circular (ECBF), sendo o seu obxectivo cubrir un déficit de financiación na (bio)economía europea e aportar ao mercado a excelente experiencia de Europa en tecnoloxías circulares.
O ECBF establecerase en Luxemburgo, asesorado por un experimentado equipo de capital risco dentro de ECBF Management GmbH e xestionado por Hauck & Aufhäuser Funds Services (AIFM).
Ao respecto, o comisario de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, declarou: «A bioeconomía sostible ten o potencial de desempeñar un papel importante para o Acordo Verde Europeo. Axudaranos a alcanzar os nosos obxectivos medioambientais, climáticos e de biodiversidade de acordo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. O Fondo Europeo de Bioeconomía Circular cubrirá as lagoas de financiación, atraendo investimentos privados que acheguen ao mercado as innovacións baseadas na biotecnoloxía».
Pola súa banda, o vicepresidente do BEI responsable de agricultura e bioeconomía, Andrew McDowell, sinalou que: «O uso de recursos biolóxicos renovables para producir os nosos bens e enerxía é esencial para a transición a unha economía circular e para reducir na nosa dependencia dos combustibles fósiles. Co lanzamento do Fondo Europeo de Bioeconomía Circular alcanzamos un fito importante para garantir que os proxectos innovadores do sector obteñan a financiación que necesitan».
A creación dun fondo deste tipo foi recomendada polo estudo Innovfin Advisory de 2017 titulado «Access to finance conditions for Investments in Bio-Based Industries and the Blue Economy».
Fonte: Banco Europeo de Investimentos (BEI)
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación