
- A pretensión do PPWR, que entrou en vigor en febreiro de 2025, é reducir o uso de materias primas primarias, facer que a reciclaxe de todos os envases no mercado europeo sexa economicamente viable para 2030, incorporar de forma segura plástico reciclado nos mesmos e situar ao sector na senda da neutralidade climática para 2050
Cerceda, a 5 de marzo de 2025.- Con data 19 de decembro de 2024, a Unión Europea adoptou o Regulamento sobre envases e residuos de envases (PPWR - Regulamento (UE) 2025/40) co obxectivo de fomentar a transición cara a unha economía circular e competitiva.
A pretensión do PPWR, que entrou en vigor en febreiro de 2025, é reducir o uso de materias primas primarias, facer que a reciclaxe de todos os envases no mercado da UE sexa economicamente viable para 2030, incorporar de forma segura plástico reciclado nos mesmos e situar ao sector na senda da neutralidade climática para 2050.
O novo Regulamento cobre todo o ciclo de vida dos envases e busca harmonizar aínda máis as medidas nacionais de fabricación, reutilización e reciclaxe. A UE espera que as medidas adoptadas reduzan significativamente as emisións de GEI, o uso de auga e os efectos negativos dos envases e os residuos de envases no medio ambiente e a saúde dos cidadáns.
Dado que a contratación pública ecolóxica desempeña un papel fundamental no apoio a estes obxectivos, a Comisión Europea, co fin de incentivar a oferta e a demanda de envases sostibles, adoptará, como moi tarde en febreiro de 2030, actos de execución que especifiquen os requisitos mínimos obrigatorios para os contratos públicos relacionados cos envases ou os produtos e servizos que utilizan envases. Estes requisitos obrigatorios poden adoptar a forma de especificacións técnicas, criterios de selección ou condicións de execución do contrato.
Como sinala o artigo 63 do PPWR, os requisitos obrigatorios deben basearse en requisitos de sostibilidade e en elementos coma o valor e o volume dos contratos públicos adxudicados para envases ou produtos envasados, ou para os servizos ou obras que utilicen envases ou produtos envasados; a viabilidade económica para que os poderes adxudicadores ou as entidades adxudicadoras compren envases ou produtos envasados máis sostibles desde o punto de vista ambiental, sen que isto supoña custos desproporcionados; a situación do mercado a nivel da Unión dos envases ou produtos envasados pertinentes; os efectos dos requisitos sobre a competencia; as obrigacións de xestión de residuos de envases.
Fonte e imaxe: Comisión Europea