Logo de máis de tres décadas de existencia nas que houbo melloras de gran calado no servizo que hoxe prestamos á meirande parte dos concellos de Galicia, chegou o momento de filtrar a experiencia acumulada durante todo este tempo e reciclala, incorporando á mesma boas doses de innovación para avanzar cara á Sogama que queremos: máis forte, robusta, eficiente e circular.
Con tal fin, estivemos traballando intensamente durante os últimos meses nun plan estratéxico para o período 2025-2030, que verá a luz en breve e cuxas liñas de acción abarcarán, entre outras accións, a transformación dixital, tanto a nivel industrial como administrativo; a maior recuperación de residuos, incluíndo como novidade os téxtiles, que clasificaremos por composición e cores nunha planta específica para propiciar o seu posterior reciclado; a descarbonización dos procesos, substituíndo o gas natural por un combustible renovable; e a maior profesionalización do sector.
Grandes retos e desafíos para os que estamos preparados, convencidos e motivados, conscientes da contribución que estes terán na protección do medio ambiente, no progreso económico e na cohesión social. En definitiva, na sostibilidade da nosa terra.
É por isto que quero dar as grazas a todos os que confían no noso traballo, aos 295 concellos adheridos, aos nosos traballadores, contratistas e provedores, e, por suposto, aos máis de 2,2 millóns de galegos e galegas receptores do noso servizo e que son, en definitiva, os que dan sentido ao noso labor.
Para todos e todas, Bo Nadal e Próspero Ano 2025!
Javier Domínguez Lino
Presidente de Sogama