- Promovido pola Rede de Escolas Asociadas desta organización, a pretensión era converter a educación nun alicerce fundamental da resposta internacional ao cambio climático.
- Os colexios adscritos ao proxecto fixeron máis ecolóxicos os seus locais, melloraron a xestión do auga, dos residuos e a enerxía, e gañaron en saúde e benestar.
- A UNESCO elaborou unha guía denominada Getting Climate-Ready (prepararse para o clima), que avoga por integrar a "toda a escola" nas boas prácticas ambientais, posibilitando unha aprendizaxe máis significativa, unha redución da pegada ecolóxica e un aforro de recursos.
Cerceda, a 25 de marzo de 2020.- Un total de 258 centros educativos de 25 países participaron no seu momento nun proxecto piloto promovido poa Rede de Escolas Asociadas da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), cuxo obxectivo era integrar a sostibilidade en todos os aspectos da vida escolar, incluída a acción vinculada ao clima.
A través desta iniciativa, pretendíase converter a educación nun alicerce fundamental da resposta internacional ao cambio climático, á vez que dotaba aos estudantes dos coñecementos necesarios para loitar contra a crise e adaptarse aos seus impactos.
Estudantes e profesores de distintos centros escolares participaron nunha ampla gama de actividades relacionadas coa sostibilidade. É o caso do uso de vidro reciclado para fabricar esmaltes que se usan nas clases de cerámica e a elaboración de filtros de auga para previr enfermidades asociadas á auga contaminada.
Outras escolas centráronse nas melloras dos inmobles. Por exemplo, compensando o impacto medioambiental dos edificiosa través da plantación de árbores e vexetación, substituíndo equipos de aire acondicionado por alternativas máis respectuosas coa contorna ou construíndo xardíns colgantes con botellas e neumáticos reciclados.
Os colexios adscritos ao proxecto fixeron máis ecolóxicos os seus locais, melloraron a xestión da auga, dos residuos e da enerxía, e gañaron en saúde e benestar. Así mesmo, estudantes e profesores adquiriron unha maior conciencia ambiental e visualizaron como as súas comunidades poden ser máis sostibles e resistentes ao cambio climático.
O éxito do programa piloto, que se levou a cabo entre 2016 e 2018, impulsou á Rede a invitar a todos os seus membros (11.500 escolas en 180 países) a adoptar un enfoque similar e a elaborar plans de acción para contrarrestar o cambio climático no ámbito local.
GUÍA CLIMÁTICA
A UNESCO elaborou unha guía denominada Getting Climate-Ready (prepararse para o clima), que avoga por integrar a "toda a escola" na loita contra o cambio climático, posibilitando unha aprendizaxe máis significativa, unha redución da pegada ecolóxica e un aforro de recursos.
Aínda que, a priori, a acción climática vincúlase a algunhas asignaturas como as científicas ou a xeografía, a guía tamén inclúe a outro tipo de materias como a historia, que permite analizar como as sociedades reaccionaron aos desafíos ambientais no pasado.
Outras asignaturas, como a lingua e a literatura, axudan aos estudantes a desenvolver as habilidades comunicativas necesarias para responder aos problemas locais e globais. Pola súa banda, a través das matemáticas poden elaborar gráficos que mostren os cambios de uso enerxético na escola, e mediante a educación cívica poden entrevistar aos funcionarios locais en relación coas medidas que están a adoptar para abordar esta problemática.
EDUCACIÓN PARA O CAMBIO
De acordo cun informe da UNESCO publicado en decembro de 2019, case todos os países mostraron o seu compromiso coa educación ligada ao cambio climático. O estudo revelou que o compromiso máis frecuente é a concienciación e que a aprendizaxe máis tratada é o cognitiva no canto da aprendizaxe social e emocional ou de comportamento. Con todo, tamén mostrou que os progresos reais son difíciles de supervisar debido á falta de datos.
As Nacións Unidas piden unha transformación da economía mundial centrada na tecnoloxía, a ciencia, as finanzas e o talento que garantan un futuro sostible para todos, pero isto só será posible se os alumnos que finalizan os seus estudos posúen as aptitudes necesarias para responder ás demandas desta nova economía máis ecolóxica.
Fonte e imaxe: UNESCO