- Baixo o acrónimo "WhiteCycle", está coordinado por Michelin e no mesmo participan 17 entidades europeas de cinco países, atopándose entre as mesmas o grupo Inditex
- Coa vista posta en 2030, a pretensión desta iniciativa é fomentar a reciclaxe anual de máis de 2 millóns de toneladas do terceiro plástico máis utilizado no mundo, o PET (teraftalato de polietileno), a través da súa solución circular
Cerceda, a 26 de setembro de 2022.- O proxecto WhiteCycle arrincou o pasado mes de xullo co obxectivo de desenvolver unha solución circular para transformar residuos plásticos compostos de base téxtil en produtos de alto valor engadido.
Coordinado por Michelin, no mesmo participan, en calidade de socios, 17 entidades europeas, tanto públicas como privadas, con sede en cinco países (Francia, España, Alemaña, Noruega e Turquía), entre as que se atopa Inditex.
Cunha duración de catro anos, conta cun orzamento total de case 9,6 millóns de euros e está cofinanciado, con case 7,1 millóns, por Horizon Europe, o programa de investigación e innovación da Unión Europea.
Coa vista posta en 2030, a pretensión desta iniciativa é fomentar a reciclaxe anual de máis de 2 millóns de toneladas do terceiro plástico máis utilizado no mundo, o PET (teraftalato de polietileno), a través da súa solución circular, reducindo ao mesmo tempo as emisións de CO2.
Os residuos compostos que conteñen téxtiles (PET) e outros compoñentes procedentes de pneumáticos, tubaxes e pezas de roupa con varias capas ao final da súa vida útil, son difíciles de reciclar a día de hoxe, limitación que pretende paliar este proxecto. As materias procedentes do procesamento de residuos de PET poderían reutilizarse na creación de novo produtos plásticos para pneumáticos, mangueiras e roupa.
O consorcio desenvolverá os novos procesos necesarios para todas as etapas da cadea de valor industrial:
- Tecnoloxías de clasificación innovadoras que permitan un aumento significativo no almacenamento de residuos plásticos compostos co fin de procesalos mellor.
- Un pretratamento para os plásticos PET recuperados, seguido dun revolucionario proceso de reciclaxe baseada en enzimas para descompoñelo de maneira sostible en monómeros puros.
- Repolimerización dos monómeros reciclados para producir un novo plástico.
- Verificación da calidade dos novos produtos elaborados a partir dos materiais plásticos reciclados.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay