- Life EPS-SURE culminou con éxito un innovador proceso de reciclado que abre a porta a novos desenvolvementos e senta as bases para a autorización e certificación de grao alimentario para o polistireno reciclado procedente da caixa de peixe (r-PS) por parte da axencia europea EFSA.
- Grazas á posible apertura futura de novos mercados de materiais reciclados con calidade contacto alimentario, o proxecto contribuirá de forma significativa á economía circular, evitando nun futuro que estes residuos acaben en vertedoiro ou sexan abandonados na contorna (littering).
Cerceda, a 11 de agosto de 2020.- Tras tres anos de investigación, o proxecto Life EPS-SURE culminou con éxito un innovador proceso de reciclado ao transformar as caixas de poliestireno expandido (EPS), coñecidas como cortiza branca, e que se utilizan como envase para almacenar, transportar e presentar produtos frescos tales como o peixe, en novos envases de PS aptos para contacto con alimentos, como o envase de iogur.
As probas realizadas sobre o proceso de tratamento para alcanzar o r-PS mediante un challenge test, utilizando criterios similares aos usados para PET aprobados pola EFSA, demostran a eficiencia da descontaminación para o uso final de lámina na fabricación de envases para produtos lácteos, podéndose usar 100% de material reciclado, r-PS, para ese fin, toda vez que cumpre coa normativa europea de referencia para contacto alimentario.
Así mesmo, os test sensoriais organolépticos foron superados amplamente, non detectándose alteracións debido á posible presenza residual de aminas altamente odorantes que xera o peixe. En consecuencia, queda demostrado que os envases obtidos de r-PS serían, xa que logo, inocuos e seguros para o seu uso en aplicacións de contacto alimentario, ademais de producir un gran beneficio ambiental.
Os procesos das distintas fases foron avaliados coa colaboración do centro tecnolóxico Aimplas e, grazas á posible apertura futura de novos mercados de materiais reciclados con calidade contacto alimentario, Life EPS-SURE contribuirá de forma significativa á economía circular, evitando nun futuro que estes residuos acaben en vertedoiro ou sexan abandonados na contorna (littering).
A viabilidade técnica do proxecto abre a porta a novos desenvolvementos e senta as bases para a autorización e certificación de grao alimentario para o poliestireno reciclado procedente da caixa de peixe (r-PS) por parte da axencia europea EFSA.
O consorcio formado polas empresas Cicloplast, Anape, Coexpan, El Corte Inglés e Total Petrochemicals Ibérica presentou o pasado mes de xuño os resultados desta iniciativa nun evento online que contou coa asistencia de representantes europeos de sectores tales como o de administracións públicas, envasadores de grandes marcas, distribuidores do sector comercial, industriais do sector plástico, recicladores e asociacións e confrarías do sector da pesca, entre outros.
Fonte e imaxe: Gestores de Residuos