- Así se constatou a través das caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe e que permitiron medir a calidade do material depositado nos mesmos.
- Este será un dato clave á hora de puntuar as memorias que os centros deben aportar a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
- Tamén se detectou que as escolas que dispoñen de composteiro para a reciclaxe da materia orgánica, melloraron a selección de residuos no seu conxunto e, polo tanto, a calidade dos materiais acollidos nas fraccións restantes.
- “Recíclate con Sogama” é un programa educativo que se canaliza desde fai varios anos a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia co obxectivo de formar ao alumnado na boas prácticas ambientais a través ds tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Cerceda, a 30 de maio de 2019- Os educadores adscritos ao programa “Recíclate con Sogama” 2018-2019 concluíron a súa terceira e última visita de seguimento aos 25 colexios de primaria que forman parte desta iniciativa durante o presente curso académico. No transcurso da mesma comprobaron os últimos detalles dos proxectos desenvolvidos nos distintos centros e, o máis importante, realizaron as correspondentes caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe a fin de avaliar a calidade dos residuos ou, o que é o mesmo, o nivel de acerto da comunidade educativa á hora de depositar os refugallos en cada un dos recipientes.
Se ben os resultados foron moi positivos a nivel xeral, no caso dalgúns centros poderían cualificarse como “sobresalientes,” toda vez que non se atopou nin un só impropio nos distintos contedores, é dicir, nin un só residuo que non correspondese ao recipiente en cuestión.
Este será un dato clave á hora de puntuar as memorias que os centros deben aportar a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, xa que un dos criterios a ter en conta é precisamente os resultados das caracterizacións, ademais doutros como a capacidade dos colexios para implicar á familias e aos seus propios concellos na xestión sostible do lixo.
Tamén se detectou que as escolas que dispoñen de composteiro para a reciclaxe da materia orgánica, melloran a selección de residuos no seu conxunto e, polo tanto, a calidade dos materiais acollidos nas fraccións restantes. Nestes casos, o compost obtido utilízase como fertilizante natural nas hortas e xardíns dos recintos escolares, coa particularidade de que a propia xestión do composteiro constitúe unha actividade didáctica de primeira magnitude a través da cal os pequenos aprenden e interiorizan a necesidade de valorizar a materia orgánica.
TEORÍA E PRÁCTICA EN PERFECTA SINTONÍA
Cabe recordar que “Recíclate con Sogama” é un programa educativo que se canaliza desde fai varios anos a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia co obxectivo de instaurar a reciclaxe nas aulas e formar ao alumnado na boas prácticas ambientais vinculadas aos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Para isto, Sogama proporciona aos colexios participantes diversos recursos, tanto materiais (é o caso das illas de reciclaxe e composteiros), como didácticos (folletos, carteis, unidades didácticas, xogos –físicos e online- etc) a fin de que os pequenos interioricen os pasos a dar para unha boa xestión dos refugallos: desde a prevención ata o máximo aproveitamento dos produtos e a reciclaxe dos mesmos mediante a súa transformación en novos artigos de utilidade, limitando así o exacerbado consumo dos xa escasos recursos naturais.
Adicionalmente, esta empresa pública convocou no seu momento un concurso de obras de arte con materiais de refugallos, que tivo unha excelente acollida, e financiou o aluguer de autobuses para que os centros que así o quixesen tivesen a oportunidade de visitar as súas instalacións e de comprobar in situ , e de primeira man, a súa actividade industrial.
Saúdos, Departamento de Comunicación