- Hoxe, 16 de outubro, celébrase o Día Mundial da Alimentación coa pretensión de chamar á acción a todos os actores sociais para avanzar cara a Fame Cero no Mundo, un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
- Un novo informe de UNICEF revela que 200 millóns de menores de 5 anos están malnutridos ou son obesos debido a unha alimentación de mala calidade, empeorada aínda máis por factores tales como a pobreza, a urbanización ou o cambio climático.
- Para buscar unha solución ás distintas formas de malnutrición, esta organizacion avoga pola utilización das lexislacións que tiveron éxito para diminuír a demanda de determinados alimentos non saudables, á vez que insta aos proveedores a incentivar a comida sa a prezos asequibles cun etiquetado claro e preciso.
Cerceda, a 16 de outubro de 2019.- Hoxe, 16 de outubro, celébrase o Día Mundial da Alimentación co propósito de chamar á acción a todos os actores sociais para avanzar cara ao Fame Cero no Mundo, un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Os datos resultan paradoxais e tamén moi preocupantes: mentres que 820 millóns de persoas padecen fame, máis de 672 millóns de adultos e 124 millóns de mozos con idades comprendidas entre os 5 e os 19 anos, son obesos. A estas cifras habería que engadir que un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban desperdiciados.
A FAO pon de relevo que a “Fame Cero” tamén significa lograr unha dieta saudable, sostible e asequible para todos.
200 MILLÓNS DE NENOS MALNUTRIDOS
Así mesmo, un novo informe de UNICEF (Fondo das Nacións Unidas para a Infancia) revela que 200 millóns de menores de 5 anos están malnutridos ou son obesos debido a unha alimentación de mala calidade, empeorada aínda máis por factores tales como a pobreza, a urbanización ou o cambio climático.
Ademais, preto de dúas terceiras partes dos pequenos de entre 6 meses e 2 anos non reciben os nutrientes que necesitan para o seu crecemento, co risco que isto supón a nivel de desenvolvemento físico e capacidade de aprendizaxe.
Lonxe de que esta problemática vaia a menos, UNICEF prevé que a tendencia continuará, asegurando que ningún país reduciu os niveis de sobrepeso e obesidade nas últimas dúas décadas. Recorda que os malos hábitos alimenticios empezan desde os primeiros días de vida, xa que só o 42% dos bebés menores de seis meses son alimentados exclusivamente por amamantamento.
Tamén é habitual que, cando os nenos pasan do leite aos alimentos sólidos, se lles proporcionen produtos inapropiados. Case o 45% dos menores de 2 anos non come froitas nin verduras e preto do 60% non come ovo, lácteos, peixe ou carne.
A medida que crecen, están cada vez máis expostos a alimentos pouco saudables, principalmente por mor da publicidade, e consumen ultraprocesados, comida rápida e bebidas azucaradas.
No período comprendido entre os anos 2000 e 2016, a proporción de sobrepeso nos nenos e mozos de entre 5 e 19 anos aumentou de un 10 a un 20%.
As comunidades máis pobres e marxinadas son as que sofren maior malnutrición infantil, un fenómeno que se agrava polos desastres climáticos, xa que desencadean crises alimentarias graves e encarecen os prezos da comida, ademais de prexudicar a calidade dos produtos agrícolas.
A SOLUCIÓN: EN MANS DE TODOS
Para buscar unha solución ás distintas formas de malnutrición, UNICEF fixo unha chamada a todos os colectivos para axudar a que os nenos crezan sans. Avoga igualmente pola utilización das lexislacións que tiveron éxito para diminuír a demanda de alimentos non saudables, como ocorreu cos impostos ás bebidas azucaradas.
Insta tamén aos proveedores de alimentos a incentivar a comida sa a prezos asequibles cun etiquetado claro e preciso, así como á realización de controis estritos da comercialización de determinados alimentos.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación