- Informóuselles de que a actividade desta empresa pública xera 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos, desempeñados por profesionais con distintas formacións, aínda que predominando a rama técnica.
Cerceda, a 24 de outubro de 2024.- Un total de 135 alumnos/as do CIFP Someso da Coruña visitaron esta semana o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer o seu labor industrial, así como a súa proxección ambiental e económica, e tamén a súa contribución ao emprego.
De feito, a actividade desta empresa pública xera 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos, desempeñados por profesionais con distintas titulacións, aínda que predominando a rama técnica.
Os estudantes cursaban, entre outras modalidades, 1º de ciclo medio de Mecanizado e Soldadura, así como 1º de ciclo superior de construcións metálicas, e 2º de ciclo superior de programación da produción.
No transcurso da visita puideron comprobar o tratamento que reciben os residuos que chegan ás instalacións de Sogama, onde se separa a parte reciclable para a súa posterior transformación en novas materias primas e a non reciclable convértese nun combustible CDR que se valoriza na planta termoeléctrica para producir enerxía renovable suficiente coa abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A través dun percorrido virtual, tiveron a oportunidade de apreciar con todo detalle as distintas fases de xestión de residuos e o papel que na planta desempeñan as tecnoloxías de automatización e a industria 4.0, toda vez que contribúen a incrementar a eficiencia da infraestrutura e a incrementar a recuperación de materiais para que poidan ser reciclados, limitándose en moitos casos os operarios a levar un control de calidade.
A folla de roteiro de Sogama para os próximos anos, seguirá nesta liña, apostando de cheo pola transformación dixital, tanto no ámbito industrial como no administrativo, co fin de seguir gañando en axilidade e eficacia.
Así mesmo, e no seu firme compromiso coa economía circular, contempla a xestión de novas fraccións de residuos, máis aló da bolsa negra, amarela e marrón, prevendo a posta en marcha da primeira planta pública de recuperación de residuo téxtil.
Saúdos, Departamento de Comunicación