- Todos eles cursan 4º de ESO e tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións desta empresa pública a través dunha viaxe virtual polas mesmas, comprobando así o tratamento que reciben os residuos
- As visitas culminaron nun espazo de lecer e recreo protagonizado por máquinas de xogos Arcade, onde os estudantes puxeron a proba as súas habilidades e coñecementos sobre recollida selectiva de residuos
Cerceda, a 6 de outubro de 2023.- Un total de 150 escolares de 4º de ESO do Colexio Peleteiro de Santiago desprazáronse esta semana ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para formarse en sostibilidade.
Atendidos por educadores especializados, coñeceron de preto as instalacións que conforman esta infraestrutura, na que se reciben os residuos producidos por un total de 295 concellos galegos (preto de 800.000 toneladas anuais).
Tralas explicacións proporcionadas polos monitores, nas que se abordaron distintas temáticas tales como a alta produción de refugallos, a necesidade de consumir de forma responsable, así como a importancia de aplicar cada día o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como eixo da sostibilidade, os estudantes tiveron a oportunidade de realizar unha viaxe virtual polo interior e exteriores das distintas plantas polas que discorren os residuos, comprobando así o tratamento ao que son sometidos para propiciar a súa reciclaxe, no caso dos materiais que, polas súas características, poidan seguir esta vía, ou ben a valorización enerxética da parte non reciclable. Neste sentido, cabe lembrar que Sogama recupera a enerxía contida nesta última fracción e transfórmaa en electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
As visitas culminaron nun espazo de lecer, recreo e aprendizaxe protagonizado polas máquinas de xogos Arcade, onde os mozos puideron poñer a proba os seus coñecementos sobre recollida selectiva de residuos, así como as súas habilidades, capacidade de atención e reflexos.
O obxectivo agora é que os comportamentos sostibles e respectuosos coa contorna xa adquiridos polos distintos grupos, poidan trasladarse tamén aos fogares e contorna social do alumnado.
Saúdos, Departamento de Comunicación