- Comparten un obxectivo común: facer fronte á contaminación por plásticos.
- Ademais dos propios gobernos, a iniciativa conta coa participación de empresas e particulares, tendo formalizado 100.000 persoas o seu compromiso coa redución da pegada plástica.
- América Latina e o Caribe sitúanse á vangarda deste movemento global no que cobra protagonismo a restrición para os plásticos dun só uso.
- A campaña estivo presente en eventos deportivos de carácter internacional e tomou a forma de curtametraxes, xogos e animacións, recursos todos eles cos que puido chegar a un amplo espectro de público.
Cerceda, a 28 de febreiro de 2019.- Desde o seu lanzamento oficial, en febreiro do ano 2017, a campaña “Mares Limpos” de ONU Medio Ambiente viuse reforzada coa adhesión de 57 países. Todos eles comparten un obxectivo común: facer fronte á contaminación por plásticos e liberar aos océanos dos millóns de toneladas de residuos que cada ano acaban nos mesmos, ocasionando un negativo impacto sobre os ecosistemas e a fauna mariña, a pesca, o turismo e a alimentación humana.
O compromiso dalgúns dos países firmantes xa se traduciu en feitos, pero a iniciativa non só atraeu a atención de gobernos, senón tamén de empresas e ata de particulares. De feito, máis de 100.000 persoas formalizaron o compromiso coa redución da súa pegada plástica e moitos outros sumáronse ás vías de difusión que ofrecen, por exemplo, as redes sociais para divulgar unha forma de vida libre de plásticos de usar e tirar.
AMÉRICA LATINA E O CARIBE, Á VANGARDA
América Latina e o Caribe están á vangarda deste movemento global a través da prohibición de materiais tales como palliñas e bolsas plásticas, así como a regulación dos plásticos dun só uso ou ben as limpezas e campañas masivas.
Sinala ONU que, para as especies endémicas das illas Galápagos, esta loita resulta crucial, pois, tal e como manifestou o director do Parque Nacional Galápagos, Jorge Carrión, “víronse pelicanos, iguanas e lobos mariños atrapados en bolsas de plástico, redes e cordas”, coa particularidade de que os microplásticos poden entrar na cadea alimentaria.
Non obstante, recórdase que unha gran parte dos residuos que se acumulan nas Galápagos proceden doutros países, circunstancia que evidencia a necesidade dunha colaboración global para eliminar o plástico desbotable.
Pola súa banda, India avogou por eliminar todos os plásticos dun só uso para o ano 2022, mentres que Kenia impuxo unha das prohibicións máis drásticas no mundo en canto a bolsas de plástico se refire.
Outros exemplos poden ser Nixeria, que manifestou a súa intención de abrir 26 grandes plantas de reciclaxe de plástico; Vanuatu, que en maio do pasado ano converteuse no primeiro país do mundo en prohibir as palliñas plásticas; ou Australia, que prometeu que o 100% dos seus empaques serán reutilizables, compostables ou reciclables para 2025, mentres que o empaque innecesario dun só uso eliminarase gradualmente mediante o deseño, a innovación ou a introdución de alternativas.
TRANSVERSALIDADE
Noutros casos, preferiuse optar pola exemplaridade mediante proxectos con gran visibilidade. É o caso do barco Flipflopi, fabricado con plástico reciclado e sandalias fóra de uso, que partiu da illa de Lamu en xaneiro e chegou a Zanzíbar cunha mensaxe centrada na “revolución plástica”.
Mares Limpos tamén estivo presente en eventos deportivos de carácter internacional tales como o maratón de Xiamen, en China, comprometéndose os organizadores do mesmo a reducir os residuos plásticos nun 60%, así como na Volvo Ocean Race 2017/2018, que propiciou a redución do uso de plástico nos portos da regata nunha ducia de cidades dos seis continentes. Pola súa banda, o nadador de resistencia Lewis Pugh, cruzou a nado a Canle da Mancha para crear conciencia sobre a necesidade de protexer os océanos.
Curtametraxes, xogos e animacións, entre outros moitos recursos, completan un ambicioso plan de acción que tampouco deixou indiferente ás empresas e aos emprendedores propiciando que a campaña Mares Limpos teña provocado xa unha revolución global na forma que vemos e usamos o plástico.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación