- Este Acordo céntrase na consecución, antes de 2030, de cinco obxectivos claves: mellora da calidade do aire e da auga, aumento da protección da biodiversidade, loita contra a contaminación acústica e avance cara a unha economía máis sostible e circular.
Cerceda, a 29 de setembro de 2021.- Un ano despois da posta en marcha do Acordo de Cidades Verdes (Green City Accord), a Comisión Europea organizou recentemente unha cerimonia para celebrar a adhesión de novos asinantes a esta iniciativa emblemática, que reúne a cidades que se comprometen a alcanzar ambiciosos obxectivos de protección do medio ambiente para 2030.
O Acordo de Cidades Verdes céntrase en cinco áreas: mellora da calidade do aire e da auga, aumento da protección da biodiversidade, loita contra a contaminación acústica e avance cara a unha economía máis sostible e circular, e está aberto a calquera cidade de 20.000 habitantes ou máis situada na Unión Europea. Un total de 73 urbes xa se adheriron ao Green City Accord.
Como parte da iniciativa Green Deal Going Local, o Comité Europeo das Rexións está a cooperar estreitamente coa Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea para aumentar o número de cidades asinantes.
Ao adherirse ao Acordo de Cidades Verdes, os alcaldes comprométense a tomar medidas para alcanzar cinco obxectivos claves antes de 2030:
- Mellora significativa da calidade do aire.
- Avances importantes na mellora da calidade das masas de auga e na eficiencia do uso da auga.
- Avances considerables na conservación e mellora da biodiversidade urbana.
- Avances cara á economía circular, asegurando unha mellora significativa na xestión dos residuos municipais domésticos, unha redución importante na xeración de residuos e na vertedura, e un aumento substancial da reutilización, a reparación e a reciclaxe.
- Redución significativa da contaminación acústica, achegándose aos niveis recomendados pola Organización Mundial da Saúde.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Comisión Europea